A Xunta lamenta que o Goberno perda unha nova oportunidade para buscar solucións a problemas como o prezo da luz, a planificación eólica e a subestación de Balaídos

O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou esta tarde na Conferencia Sectorial de Enerxía, onde se evitaron avaliar cuestións que están a repercutir na economía das familias e na competitividade do tecido produtivo

O encontro non abordou asuntos como a suba da tarifa eléctrica, a situación da industria electrointensiva ou a planificación de Rede Eléctrica de España (REE) para o período 2021-2026

Galicia recibirá 9M€ para a implantación de renovables térmicas, calor e frío e biogás, complementarios aos 39M€ xa asignados para autoconsumo

Madrid, 5 de xullo de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou esta tarde por vía telemática na Conferencia Sectorial de Enerxía, tras a que lamentou que o Goberno volvese perder unha nova oportunidade para buscar, da man das comunidades autónomas, solucións aos verdadeiros problemas enerxéticos que repercuten na cidadanía e nos sectores económicos.

“Foi unha oportunidade perdida para afrontar os problemas reais que temos en España e que teñen as familias vinculados co custo enerxético e a factura da luz”, dixo, para subliñar que o Ministerio para a Transición Ecolóxica “segue sen concretar” unha política enerxética que dea resposta ás necesidades das familias e das propias empresas. “En España o custo enerxético é cada vez máis elevado e a transición enerxética están a pagala as familias e as empresas”, aseverou.

Conde botou en falta que o Goberno non aproveitase a conferencia sectorial para avaliar coas comunidades autónomas unha planificación máis coordinada dos futuros proxectos eólicos, ao tempo que pediu máis comunicación e colaboración ao respecto. Cómpre lembrar que esta reunión coas CCAA prodúcese despois de que a Xunta xa leve informado negativamente de 39 proxectos eólicos que está a tramitar o Goberno central, ben por estar fóra das áreas do Plan Sectorial Eólico ou ben por entrar en confrontación con outros proxectos máis avanzados. Ademais, o RD Lei 23/2020 marca prazos moi exixentes que están a provocar un forte estrés nas administracións autonómicas.

A Xunta de Galicia tamén aposta por que o Goberno rectifique a planificación de Rede Eléctrica de España (REE) para o período 2021-2026. Entre outras cuestións, para lograr que esta nova folla de ruta vaia acompasada co desenvolvemento eólico en Galicia e para que inclúa a subestación de Balaídos, que xa aparecía na planificación anterior pero que o Executivo central nunca chegou a executar. Esta infraestrutura é vital para garantir a competitividade da fábrica de Stellantis e dun sector tan estratéxico para a economía galega como é a industria da automoción; ao tempo que permitiría ás veciñas e veciños de Vigo dispoñer dun servizo de subministración de máis calidade.

Por outra banda, o vicepresidente económico lembrou que as medidas do Estatuto para os consumidores da industria electrointensiva seguen sendo insuficientes e que faltan medidas estruturais para fixar un marco eléctrico competitivo. Neste sentido tamén botou en falta que a Conferencia non abordase o impacto que o prezo da luz está a ter en familias, pemes e autónomos.

Na Conferencia Sectorial de Enerxía abordáronse outros asuntos como os apoios para a implantación de renovables térmicas, calor e frío e biogás, dos que Galicia recibirá 9M€ complementarios aos 39M€ xa asignados para autoconsumo.

Imaxes relacionadas