O presidente da Xunta participou hoxe, en Madrid, no curso de verán da Asociación de Periodistas Parlamentarios

Feijóo destaca os “logros innegables” da España das autonomías no equilibrio territorial, na xestión dos servizos públicos e no reforzo do sentimento de pertenza ao proxecto común

Salienta a pandemia como a proba máis recente de que o Estado das Autonomías funciona, recordando que as comunidades autónomas non só exerceron as súas competencias, senón que se viron obrigadas a suplir certa descoordinación do Goberno central

Sobre o desafío independentista, asegura que é un erro pensar que está enxendrado polo sistema autonómico, cando en realidade é un ataque a este modelo

Traslada a inquedanza por que boa parte da axenda estea supeditada ao problema catalán: “O independentismo goberna Cataluña e cogoberna España, o cal afecta á gobernabilidade do Estado Autonómico”

Madrid, 5 de xullo de 2021

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe os “logros innegables” que a España das Autonomías propiciou a cada territorio e, en consecuencia, a España no seu conxunto. “Propicia o equilibrio territorial, insta a unha mellor distribución dos recursos públicos, achega a xestión dos mesmos aos cidadáns que os financian e crea un sentimento reforzado de pertenza á patria común”, aseverou, incidindo en que estes logros non terían sido posible nun Estado ferreamente centralizado.

Durante a súa participación no curso de verán da Asociación de Periodistas Parlamentarios, e ante a cuestión de se as autonomías serviron para diluír a identidade española en pequenas identidades ególatras, Feijóo apelou á Comunidade galega para desmentilo, recordando as transformacións desta autonomía durante os corenta anos de vixencia do Estado autonómico.

“Os galegos desfrutamos dun intenso renacemento económico, social e cultural, mantendo intacto o noso sentido de pertenza á nación española. Non concibimos ser españois sen ser galegos nin ser galegos sen ser españois” dixo, aseverando que o adversario máis temible para o nacionalismo non é o centralismo, senón o autonomismo.

“O autonomismo usa o e, mentres que o nacionalismo emprega habitualmente o ou: Galicia e España, non Galicia ou España”, explicou, incidindo en que nun caso hai un empeño en sumar; e noutro a obsesión é restar.

Deste xeito, o responsable do Goberno galego referiuse ao desafío suscitado polo independentismo, asegurando que é un erro pensar que está enxendrado polo sistema autonómico, cando en realidade é un ataque a este modelo. “E é un erro pensar que o problema da sedición se soluciona cun novo estatuto ou cuns privilexios económicos”, engadiu, sostendo que nin unha hipotética democracia centralizada tería evitado a agresión política que sufriu España, “nin un maná de concesións previas tería satisfeito o planteamento independentista”.

Ao longo da súa intervención, Feijóo destacou a pandemia como a proba máis recente de que o Estado das Autonomías funciona, recordando que as comunidades autónomas non só exerceron as súas competencias, senón que se viron obrigadas a suplir certa descoordinación do Goberno central.

O titular da Xunta concluíu trasladando a inquedanza por que boa parte da axenda estea supeditada ao problema catalán. “O independentismo goberna Cataluña e cogoberna España, o cal afecta á gobernabilidade do Estado Autonómico”, afirmou, facendo fincapé en que “o modelo autonómico compartido por case todos ha de adaptarse para que resulte confortable a quen o quere, pero non a quen non o quere”.

Imaxes relacionadas