O titular do Goberno galego participou esta mañá na mesa de debate xunto aos presidentes de Estremadura, Murcia, Canarias, Castela e León, Comunidade Valenciana e Baleares, no marco da I xornada Next Generation de elEconomista

Feijóo pide recuperar a cogobernanza e blindar a obxectividade e a concorrencia para acertar no reparto dos fondos Next Generation

Asevera que o Goberno central non pode esquecer que estes fondos son para devolver; “e se os gastamos de forma inadecuada teremos dous problemas: perderemos unha oportunidade; e teremos unha débeda e moitas dificultades para devolver o prestado”, recorda

Incide na importancia de apostar por proxectos sólidos e a longo prazo, que melloren a competitividade da economía e que xeren emprego; e recorda que o 68% da candidatura galega, que aspira a captar preto de 20.000 millóns de euros, está formada por investimento privado

Salienta que dos fondos que ata agora distribuíu o Goberno central -covid, REACT-UE, para sectores afectados pola pandemia e contías territorializadas vinculadas aos Next Generation- Galicia recibiu 828 millóns menos dos que lle corresponderían de acordo co sistema de financiamento autonómico

Madrid, 5 de xullo de 2021

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, incidiu hoxe na oportunidade que para a reactivación económica supoñen os fondos europeos Next Generation e pediu recuperar a cogobernanza e blindar a obxectividade e a concorrencia para acertar no reparto dos mesmos.

Durante a súa participación na mesa de debate xunto aos presidentes de Estremadura, Murcia, Canarias, Castela e León, Comunidade Valenciana e Baleares, no marco da I xornada Next Generation de elEconomista, Feijóo aseverou que o Goberno central non pode esquecer que estes fondos son para devolver; “e se os gastamos de forma inadecuada teremos dous problemas: perderemos unha oportunidade; e teremos unha débeda e moitas dificultades para devolver o prestado”, recordou, incidindo na importancia de acertar apostando por proxectos sólidos e a longo prazo, que melloren a competitividade da economía e que xeren emprego.

“De momento non hai concorrencia, nin obxectividade, nin cogobernanza e descoñecemos cales son os criterios de reparto, cando é necesario que existan para que as comunidades poidamos competir en función dos proxectos presentados”, incidiu, recordando que o 68% da candidatura galega, que aspira a captar preto de 20.000 millóns de euros, está formada por investimento privado.

Nesta liña, e a modo de exemplo, Feijóo lamentou a decisión do Ministerio de Industria de xestionar de forma centralizada os máis de 12.000 millóns de euros que ata agora lle corresponden a este departamento do Goberno central a través dos Next Generation.

Así mesmo, lembrou que dos fondos que ata agora distribuíu o Goberno central - covid, REACT-UE, para sectores afectados pola pandemia e fondos territorializados vinculados aos Next Generation- Galicia recibiu 828 millóns menos dos que lle corresponderían de acordo co sistema de financiamento autonómico, un feito que cuestionou dado que o 50% do gasto público de España xestiónano as comunidades, ademais de ter competencias exclusivas en temas tan importantes como a sanidade, a educación e os servizos sociais.

Imaxes relacionadas