O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade visita as instalacións da Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade intelectual de Lugo

Lugo, 5 de xullo de 2021

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, acompañado do delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou as novas instalacións da Asociación de Pais ou Titores de Persoas con Discapacidade Intelectual (ASPNAIS) de Lugo, que desde hai un ano ocupan parte do antigo Hospital San José. A Xunta de Galicia achega anualmente 1,6 millóns euros para sufragar os gastos das prazas concertadas do centro, que se aumentaron nesta residencia de 35 a 45 e no centro de día de 6 a 12 prazas.


Fernando González Abeijón puxo en valor o compromiso que ASPNAIS mantén coas persoas con discapacidade e as súas familias desde o ano 1966. Ademais, tivo a oportunidade de comprobar a rehabilitación integral do hospital, onde destacou o gran resultado das reformas que permitiron aumentar a capacidade asistencial do centro e agrupar nunha mesma sede todas as instalacións da asociación: a residencia para persoas con discapacidade, o centro de día o centro ocupacional, os obradoiros e as dependencias administrativas. O edificio conta con tres plantas, das que a primeira e o ático albergan hoxe unhas 50 habitacións individuais e cinco apartamentos creados para acoller as familias das persoas tuteladas.
 

Imaxes relacionadas