A Xunta expón a arte en miniatura de José Manuel Hermo Barreiro 'Patelo' no Museo do Mar de Galicia

A mostra pode visitarse ata o vindeiro 18 de xullo no horario de apertura do centro

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2021

A Xunta de Galicia expón no Museo do Mar de Galicia (Vigo) a arte en miniatura de José Manuel Hermo Barreiro, tamén coñecido como Patelo. Trátase de réplicas de motores deseñados e realizados polas mans deste mecánico naval e inspector de máquinas xa xubilado.

Na mostra pódense contemplar nove destas réplicas en miniatura, que se expoñen xunto cun motor a tamaño real construído polo propio Patelo. A exposición pode visitarse ata o vindeiro 18 de xullo no horario de apertura do museo, de martes a domingo, entre as 11,00 h. e as 14,00 h. e das 17,00 h. ás 20,00 h.

José Manuel Hermo Barreiro, Patelo, é una artesán da vella escola, un inventor que, logo de asistir ás clases de Ángel Senra e Ramón Calvo, se integrou no mundo do traballo en Talleres Aco, no Río do Porto, aos 16 anos. Con 18 anos, axudado polo seu compañeiro Fernando Beiro, mostra xa a súa capacidade inventora construíndo unha máquina de vapor coa intención de servir de modelo aos alumnos do recén nacido Instituto Laboral Virxe do Mar; e con 22 anos construíu o seu primeiro motor para equipar unha embarcación de baixura.

Na súa vida profesional posterior exerceu como Mecánico Naval Maior e Inspector de Máquinas durante 28 anos nas Illas Canarias. Xubilado, desde febreiro do 2004 forma parte da Asociación Mar de Noia, centrada na recuperación da cultura mariñeira.