A Xunta apoia ao Concello de Redondela na adquisición de dous vehículos para labores medioambientais

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitaron o municipio, que recibiu unha achega de case 31.000 euros da Xunta para renovar o seu parque móvil con dous todocamiño adaptados para a circulación en praias e terreos abruptos

O Goberno galego financiou esta actuación ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental, que na convocatoria deste ano conta con 11 millóns de euros para colaborar cos concellos galegos en melloras ambientais
 

Redondela (Pontevedra), 5 de xullo de 2021

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe xunto coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, o concello de Redondela, ao que a Xunta apoiou na adquisición de dous vehículos destinados aos servizos municipais encargados da protección do ambiente e do espazo natural. Na visita tamén estivo o tenente alcalde, Roberto Villar.

O Goberno galego investiu arredor de 31.000 euros ao abeiro do Fondo de Compensación ambiental para a compra destes 2 vehículos con tracción ás catro rodas tipo todocamiño que permitiron mellorar as labores de xestión e vixilancia ambiental no municipio.

O concello renovou así o seu parque móvil con 2 vehículos adaptados á circulación en solos areosos e empedreagados ou zonas abruptas para acceder á limpeza de praias ou sendas ou pistas forestais. Natalia Prieto e Marta Fernández Tapias comprobaron así que os vehículos destinaranse a labores medioambientais nestes entornos relacionadas coa limpeza dos areais, das áreas recreativas ou dos camiños, así como a vixilancia forestal ante a prevención de incendios.

A colaboración da Xunta co concello nesta actuación enmarcase no Fondo de Compensación Ambiental, unha liña de axudas á que o Goberno galego destina este ano 11 millóns de euros para financiar nos concellos iniciativas dirixidas ao incremento da eficiencia no aproveitamento dos recursos enerxéticos renovables, da sustentabilidade, da biodiversidade e do uso recreativo e educativo dos recursos de Galicia.

O concello de Redondela recibiu nos últimos anos máis de 848.520 euros das diferentes liñas de axudas da Administración autonómica para colaborar coas entidades locais na procura de melloras na calidade de vida da veciñanza.

Imaxes relacionadas