A Xunta abre o prazo de solicitude das primeiras axudas específicas para impulsar o deseño nas pemes galegas

A convocatoria de DeseñaPeme, que permanecerá aberta ata o 2 de agosto, beneficiará a 50 microempresas e pemes galegas a través dun investimento público de 1,5M€

Trátase da primeira actuación do novo Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 e o seu obxectivo é cofinanciar o 50% do orzamento total de proxectos de deseño de produtos, servizos, experiencias, marcas e identidade corporativa

A incorporación do deseño á estratexia empresarial repercute positivamente en factores coma o volume de vendas, a penetración no mercado, a internacionalización e a fidelización do cliente
 

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2021

A Xunta de Galicia vén de abrir o prazo de presentación de solicitudes para DeseñaPeme, a primeira liña de axudas específicas para que as microempresas e pemes galegas poidan mellorar a súa capacidade de innovación e sustentabilidade a través da incorporación e a xestión do deseño estratéxico. A través desta convocatoria, que permanecerá aberta ata o 2 de agosto, serán apoiados ao redor de 50 proxectos a través dun investimento público de 1,5M€.


Esta nova iniciativa, promovida pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), prevé mobilizar un total de 3M€, dado que o cofinanciamento dos proxectos alcanza o 50% do seu orzamento total. Trátase da primeira actuación posta en marcha no marco do novo Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024.


As destinatarias destas axudas son as microempresas e pemes que conten con domicilio social ou un centro de traballo en Galicia. Todas elas poderán presentar proxectos aliñados coas prioridades establecidas na Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia en tres modalidades concretas. En primeiro lugar, serán subvencionables produtos novos ou redeseño dos xa existentes. Tamén poderán presentarse iniciativas para o deseño ou redeseño de servizos e experiencias. Por último, inclúense tamén os deseños de marca e identidade corporativa que lle presten unha especial atención aos valores sustentables e innovadores.


O orzamento total subvencionable estará comprendido entre 10.000 e 200.000 euros, dependendo do tipo de proxecto, o que equivale a axudas entre 5.000 e 100.000 euros. Os custos subvencionables, ademais da subcontratación de servizos e outros conceptos relacionados co desenvolvemento das ideas, inclúen a contratación na empresa de profesionais con titulación de deseño ou recoñecemento demostrable neste ámbito.


Mediante estas axudas, a Xunta quere contribuír a que o deseño estratéxico se converta nun elemento relevante e habitual na planificación, nos procesos e no modelo de negocio das empresas galegas.


Isto materialízase no incremento da súa capacidade innovadora e da súa competitividade no mercado global, aumentando o volume de vendas, a penetración no mercado, a internacionalización, propiedade industrial, diferenciación, imaxe percibida e recoñecemento de marca, fidelización do cliente, etc. O obxectivo final é impulsar unha economía xeradora de bens e servizos de alto valor engadido, con empresas dotadas dunha identidade corporativa diferenciada e moderna.
 

Imaxes relacionadas