A Xunta ten aboado preto de 167 millóns a case 26.000 agricultores e gandeiros galegos beneficiarios das axudas directas da PAC 2020

A meirande parte das achegas transferidas correspóndense co pago básico, seguidas das subvencións para o vacún de leite e das relativas ao pagamento verde

A provincia de Lugo aglutinou case a metade das solicitudes con máis de 11.000, na Coruña rexistráronse case 9.000 e en Pontevedra e Ourense aproximáronse ás 3.000

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2021

A Consellería do Medio Rural, a través do seu organismo pagador -o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga)-, ten aboado preto de 167 millóns de euros a case 26.000 agricultores e gandeiros galegos beneficiarios das axudas directas da Política Agraria Común (PAC) correspondentes á convocatoria de 2020. En concreto, ingresáronse 166.683.988 euros en virtude de 25.702 solicitudes procedentes de toda Galicia.

A meirande parte das achegas transferidas correspóndense co pago básico (68,4 millóns de euros), seguidas das subvencións para o vacún de leite (38,6 millóns) e das relativas ao pagamento verde (35,05 millóns de euros). Tamén destacan as axudas para vacas nutrices (case 15,2 millóns), as de vacún de cebo (3,5 millóns) e as destinadas a agricultores mozos e a pequenos agricultores, con cadanseus 2,6 millóns de euros.

Canto ao balance por provincias, a de Lugo aglutinou case a metade das 25.702 solicitudes recibidas, chegando ás 11.426 cun montante total correspondente de 81,6 millóns de euros. Mentres, na Coruña aboáronse preto de 55,7 millóns en virtude de 8.801 solicitudes. Na provincia de Pontevedra recibíronse 2.791 solicitudes e ingresáronse 15,9 millóns. Por último, en Ourense pagáronse 13,4 millóns a 2.684 gandeiros e agricultores que solicitaran as axudas da PAC de 2020.

Cabe lembrar que Galicia foi das primeiras comunidades autónomas que pagou anticipos das axudas da PAC correspondentes á campaña 2020. Así, no mes de outubro do ano pasado aboáronse preto de 38 millóns de euros en concepto de anticipo a máis de 15.000 gandeiros e agricultores, co fin de inxectar liquidez ás explotacións galegas. A esta cifra sumáronse outros 22,5 millóns de euros adiantados polas entidades bancarias no marco do convenio asinado coa Consellería do Medio Rural, que permitiu abrir unha liña de préstamos sen xuros co fin de que os agricultores e gandeiros galegos puideran percibir o anticipo das axudas da PAC xa no verán.

Esta medida formou parte do Plan de liquidez posto en marcha en maio de 2020 pola Xunta para anticipar o pago de preto de 300 millóns de euros correspondentes a diferentes liñas de axudas que xestiona a Consellería do Medio Rural co obxectivo de inxectar liquidez aos agricultores, gandeiros e silvicultores afectados pola emerxencia sanitaria, entre elas as da PAC.

Xa no mes de decembro, a Consellería transferiu 126,6 millóns de euros en axudas directas e de desenvolvemento rural. Entre as primeiras estaban o coñecido pago básico, o pago verde, axudas para incorporación de mozos e pequenos agricultores e a de vacas nutrices.

Imaxes relacionadas