A Xunta apoia con preto de 700.000 € á hostalería de Ribadeo a través das máis de 200 axudas distribuídas nos últimos meses

O delegado territorial, Javier Arias, subliñou que os dous primeiros Plans de rescate suman 191 achegas e o programa para o acondicionamento de terrazas outras 16

Ribadeo (Lugo), 4 de xullo de 2021

A Xunta de Galicia achegou nos últimos meses preto de 700.000 euros á hostalería de Ribadeo (697.530 euros en concreto) a través das 207 axudas correspondentes aos dous Plans de Rescate e ao programa para o acondicionamento de terrazas e o envasado de produtos.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, reuniuse cos responsables da sala Rosa Lar, un dos establecementos beneficiados, e lembrou que está en marcha o terceiro Plan de rescate, que pode solicitarse ata o vindeiro día 14 e prevé anticipos de ata o 100% da axuda só con presentar unha declaración responsable. A Consellería de Emprego e Igualdade concedeu en Ribadeo 191 axudas, por un importe global de 512.700 euros, nas dúas primeiras edicións do plan.

Pola súa banda, a Vicepresidencia económica a Consellería de Economía, Empresa e Innovación puxo en marcha a través do Igape o programa para o acondicionamento de terrazas e a compra de elementos de envasado para domicilio, que sumou 184.800 euros en axudas para 16 hostaleiros do municipio. Os apoios supoñen o 80% do orzamento mobilizado polos hostaleiros.

Reapertura do ocio nocturno

No encontro cos propietarios da sala de festas ribadense, Arias gabou a responsabilidade dos empresarios do ocio nocturno, “que están entre os máis castigados pola pandemia”, e sinalou que a Xunta traballou da man do sector para poder reabrir dende o 1 de xullo en todos os concellos salvo os que se atopen en nivel máximo e medio de restricións.

Neste sentido, explicou que os establecementos que o desexen poden abrir con horario ata as 3 da mañá e co 50% de ocupación no interior e o 100% nas terrazas, e pediu “manter a cautela e incidir no cumprimento escrupuloso das normas sanitarias, tamén por parte dos clientes, para evitar retroceder porque o ocio nocturno precisa retomar definitivamente a súa actividade”.