O Centro Dramático Galego e a Companhia de Teatro de Braga estrean en Almagro 'A contenda do Río Miño'

Preséntase no marco da designación de Portugal como país convidado da 44º edición do Festival Internacional de Teatro Clásico da vila manchega

O espectáculo chega a Galicia o vindeiro 10 de xullo, cunha función na Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e mais o director da Agadic, Jacobo Sutil, asisten hoxe á representación
 

Almagro, 3 de xullo de 2021

O Centro Dramático Galego (CDG), unidade de produción teatral da Xunta de Galicia, estreou a pasada noite en Almagro A contenda dos labradores de Caldelas ou Entremés famoso sobre a pesca do río Miño, en coprodución coa Companhia de Teatro de Braga. A posta en escena da primeira peza teatral en lingua galega conservada, obra de Gabriel Feixoo de Araúxo, enmárcase no 350º aniversario da escrita e nas designacións de Portugal como país convidado da 44º edición do Festival Internacional de Teatro Clásico da vila manchega e de Braga como Capital Cultural do Eixo Atlántico. Hoxe haberá unha nova función, á que asistirán o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil.

O director do CDG, Fran Núñez, co apoio dramatúrxico do responsable da Companhia de Teatro de Braga, Rui Madeira, dirixe o espectáculo, no que se abordan as fronteiras e a loita de clases e polos recursos, temas universais que van máis aló dun momento histórico concreto. Así, coa contenda dos labradores de Caldelas do século XVII de fondo, a peza lémbranos outros conflitos máis recentes, como o que xurdiu entre Canadá e a Unión Europea pola pesca do fletán en 1995.

Un elenco composto por Paulo Bragança, Yeliz Balim, Rogério Boane, Sílvia Brito, Carlos Feio, Eduarda Filipa, Antonio Jorge, Grasiela Müller, Aisa Pérez e Solange Sá dálles vida ás personaxes dos bandos portugués e galego. Como narrador, Fran Núñez guía o público a través desta viaxe pola historia chea de disputas e reivindicacións, pero tamén de complicidades e celebracións.

Na obra teñen especial relevancia a música e o baile, continuamente presentes, coas coreografías de Belén Vázquez e Pilar Peña, do Centro Coreográfico Galego. Os equipos técnicos do Centro Dramático Galego e da Companhia de Teatro de Braga completan a ficha artística nesta unión de esforzos que busca reforzar a identidade común.

A contenda do río Miño chega a Galicia o 10 de xullo, no marco da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, que marcará a estrea galega da peza. Previamente, haberá representacións nas vilas portuguesas de Braga, o día 6, e de Barcelos, o día 8.

Dinamización do sector teatral galego

O espectáculo forma parte da programación do CDG para esta temporada, na que a unidade de produción teatral da Xunta presentou tamén outras tres pezas, O charco de Ulises e Terceiro acto, xa estreadas e que volverán aos escenarios nesta segunda metade do ano, e Serva me, servabo te, prevista para setembro. Diversas coproducións e novas iniciativas como o programa Residencias cruzadas ou a Bolsa de dramaturxia e creación completan a intensa actividade desenvolvida polo Centro Dramático Galego a prol da dinamización do sector teatral nos últimos meses.

Imaxes relacionadas