A Xunta agradece ás asociacións galegas de empresarios en España, Portugal e América Latina o seu papel na consolidación internacional da marca Galicia

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo esta semana unha reunión coas Aegas do resto da Península Ibérica e de Latinoamérica co obxectivo de reforzar a necesaria colaboración público-privada para impulsar o tecido produtivo galego

Conde eloxiou aos empresarios galegos no exterior que unan esforzos para converterse nun axente clave nas accións de internacionalización de Galicia

No que vai de ano, a Xunta ten activados 23M€ en programas que contribúen a aumentar a presenza no exterior das empresas galegas

A Lei de reactivación económica supón unha oportunidade para captar novos investimentos a través da axilización administrativa dos proxectos
 

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, reuniuse esta semana con representantes das Asociacións de Empresarios Galegos (Aegas) de diferentes comunidades de España, de Portugal e América Latina para redobrar a colaboración entre a Xunta e estas entidades de cara a afianzar a posición de Galicia no exterior. Así, Conde manifestou a aposta do Goberno galego pola internacionalización como unha das claves que axudará a reactivar a economía, ámbito onde resulta fundamental o tecido empresarial e, en particular, o labor realizado desde as Aegas para consolidar a Marca Galicia a nivel mundial.


Conde destacou a importancia de establecer amplos escenarios de cooperación conxuntos para identificar necesidades e oportunidades e poñer en común obxectivos, así como para dar respostas aos grandes desafíos actuais, como a dobre transformación dixital e ecolóxica. Así, apostou pola colaboración público-privada como ferramenta estratéxica para impulsar o tecido produtivo galego.


O vicepresidente económico indicou que este traballo conxunto ten ademais a virtude de conectar a todos os empresarios galegos, convertendo as Aegas, ás que definiu como as mellores embaixadoras da marca Galicia Calidade, nun axente clave na acción da Xunta no mundo.


No que vai de 2021, a Xunta xa ten activado preto de 23M€ en programas para impulsar a presenza exterior das empresas galegas e, tal e como apuntou o vicepresidente económico, o Goberno galego seguirá traballando en accións de internacionalización que permitan abrir Galicia a novos mercados e que cada vez máis empresas galegas, especialmente as pemes, se animen a levar os seus produtos e servizos a outras comunidades e países.


Neste sentido, convidou aos representantes das Aegas a transmitir a posición estratéxica de Galicia no Marco Atlántico, actuando como porta de entrada a Europa; a súa estabilidade económica e social da man dun tecido empresarial forte; a capacidade de xerar e atraer empresas de referencia; o seu liderado en sectores como o da automoción, téxtil, agroalimentación ou forestal; e as súas perspectivas de futuro en novos eidos como as TIC, a biotecnoloxía, a economía circular, os vehículos aéreos non tripulados, ou a mobilidade eléctrica autónoma.


Así mesmo, incidiu na oportunidade que suporá para a modernización da estrutura económica galega a Lei de reactivación aprobada este mesmo ano no Parlamento galego co obxectivo de axilizar os trámites administrativos –reducindo á metade os prazos de tramitación de proxectos empresariais e mantendo as mesmas garantías xurídicas, técnicas e medioambientais– e, polo tanto, favorecer a captación de novos investimentos. Neste mesmo nivel, tamén incluíu os fondos europeos Next Generation, para os cales a candidatura presentada por Galicia pon no centro da súa estratexia a modernización e dixitalización do tecido empresarial, así como a transición ecolóxica.
 

Imaxes relacionadas