Un total de 127 persoas desempregadas beneficiaranse das axudas da Xunta para cursar un master universitario

O importe vai dos os 591 e aos 835,80€, en función da titulación

O máis numeroso entre os beneficiarios é o Máster do Profesorado

O obxectivo é facilitar o acceso das persoas en situación de desemprego a uns estudos que melloren as súas opcións laborais
 

Santiago de Compostela, 1 de xaneiro de 2022

Un total de 127 persoas desempregadas beneficiaranse das axudas para a matrícula de máster universitario da Xunta de Galicia. A Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de publicar a resolución desta convocatoria, á que se destinaron 120.000€. En función do tipo de máster que curse o beneficiario, o importe máximo de axuda será de 835,80 € e o mínimo de 591 €, sempre dando cobertura a o importe das materias matriculadas por primeira vez da titulación.

O obxectivo desta liña de axudas é facilitar o acceso das persoas en situación de desemprego a uns estudos que lles permitan mellorar a súa empregabilidade, a través dunha formación avanzada orientada á especialización académica ou profesional que mellora o seu acceso a un mercado de traballo globalizado.

Puideron solicitar as axudas as persoas tituladas universitarias que estiveran desempregadas á data de presentación da solicitude e matriculadas no curso académico 2021/2022 nun máster universitario oficial ofertado polas universidades do Sistema Universitario de Galicia.

Reparto por universidades

Por universidades, 33 dos beneficiarios cursan o máster na Universidade de Santiago de Compostela (USC), 57 na de Vigo (UVigo) e 37 na da Coruña (UDC). No referido ás titulacións máis demandadas entre as persoas beneficiarias da axuda, destaca o Máster do Profesorado (42 beneficiarios nas tres universidades), seguido do de Dificultades de Aprendizaxe e Procesos Cognitivos (UVigo, con seis), o de Planificación e Xestión de Destinos e Produtos Turísticos (da UDC, con catro) e Comercio Internacional (da UVigo, con catro tamén).

Con tres beneficiarios cada un figuran os máster en Contabilidade Superior e Auditoría de Contas (da UDC), Prevención de Riscos Laborais (da UVigo), Avogacía (das tres universidades), Dirección de Arte en Publicidade (da UVigo) e Finanzas (da UVigo).
 

Imaxes relacionadas