A renovación do firme da rúa Marcelo Macías de Ourense obriga a prolongar a vindeira semana o corte de tráfico nun treito da vía

A vindeira semana acometerase a extensión do novo firme na glorieta do Olivo e nos últimos 150 metros desta rúa, o que fará necesario o corte de tráfico dese treito durante dous días

O remate, hoxe, do asfaltado do treito anterior á glorieta permitirá abrir ao tráfico toda a rúa en sentido de entrada e nos dous sentidos no treito entre a avenida de Portugal e a rúa Progreso

A Xunta está a investir 1,7 millóns de euros no acondicionamento dun treito de 1,3 quilómetros da estrada autonómica OU-540 que coincide coa rúa Marcelo Macías

Actualmente as obras avanzan na fase final da renovación de servizos urbanos de saneamento e abastecemento e na colocación das luminarias ornamentais da ponte sobre o Barbaña

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2021

A renovación da capa de rodadura do firme na rúa Marcelo Macías, en Ourense, obriga a prolongar durante a vindeira semana o corte de tráfico nun treito da vía.
A vindeira semana acometerase a extensión do firme na glorieta do Olivo e nos últimos 150 metros da rúa, para o que se estima que serán necesarios dous días de traballo, sempre que as condicións meteorolóxicas acompañen. Para facelo será preciso o corte de tráfico dese treito.
Hoxe, venres, está previsto rematar o treito anterior á citada glorieta do Olivo, o que permitirá abrir ao tráfico toda a rúa, tal como estaba hai unha semana, con sentido de entrada, e cos dous sentidos de circulación no treito entre a avenida de Portugal e a rúa Progreso.
Os traballos de renovación do firme da rúa Marcelo Macías comezaron esta mesma semana, procurando minimizar a afección aos cidadáns e permitindo o paso de autobuses, o que incrementou a necesidade de coordinación da maquinaria de obra co tráfico que se permitía na zona.
Ademais, co mesmo obxectivo de minimizar as molestias, segundo se foi avanzando na execución dos traballos, abríronse á circulación do tráfico os treitos ao remate do día.
Cando finalice a renovación da capa de rodadura, e unha vez asegurada a estabilidade do firme, iniciaranse os traballos de pintado de marcas viarias que, se as condicións meteorolóxicas o permiten, comezará a mediados de xullo.
O departamento que dirixe Ethel Vázquez está a investir 1,7 millóns de euros no acondicionamento de 1,3 quilómetros da estrada autonómica OU-540 que coincide coa rúa Marcelo Macías.
As obras consisten na renovación e mellora do pavimento, os sinais, as beirarrúas ou os pasos de peóns, así como as redes de abastecemento e de saneamento e o alumeado público.
A actuación inclúe, ademais, traballos de mantemento e conservación no viaduto sobre o río Barbaña e o reforzo da seguridade viaria da rúa, cun total de 7 pasos de peóns elevados coa fin de reducir a velocidade dos vehículos e protexer aos viandantes.
Neste momento, tamén están en fase final os traballos de renovación de servizos urbanos de saneamento, abastecemento, iluminación, na que se están colocando as luminarias ornamentais da ponte sobre o Barbaña. As últimas semanas de obras servirán para o repaso e remates finais de beirarrúas, arquetas, posta a cota de sumidoiros, etc.