A Xunta demanda ao Estado maior información sobre a regulación marco que modificará as funcións e actividades dos axentes forestais e medioambientais

O Goberno galego tamén apunta á necesidade de que a lei estatal teña un fundamento competencial axeitado que evite problemas de seguridade xurídica

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2021

A Xunta de Galicia solicitou esta mañá á Secretaría de Estado de Medio Ambiente unha maior información sobre as novidades que a lei básica quere introducir na actual regulación das funcións e actividades dos axentes forestais e medioambientais.

As comunidades autónomas foron convocadas esta mañá polo secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, a unha reunión na que se trasladou que o Goberno central está a elaborar unha regulación marco básica coa que pretende regular que profesionais son axentes forestais e medioambientais, as súas funcións de policía administrativa e xudicial, e na que se definan aspectos relacionados con este colectivo como a uniformidade, vehículos ou a posibilidade de levar medidas de defensa.

Nese sentido, Galicia solicitou que, en primeiro lugar, se clarificasen as novidades que se queren introducir na regulación legal, así como que se lle dea traslado do proxecto de texto articulado, a súa memoria económica e os informes xurídicos, para proceder á súa análise e reflexión.

Así mesmo, tamén se solicitou a necesidade de dispoñer dun prazo amplo para realizar as alegacións e aportacións ao respecto, tendo en conta que actualmente as comunidades autónomas non dispoñen do texto elaborado polo Ministerio.

Na reunión tamén se tratou a regulación similar que se pretende para os bombeiros forestais, polo que a Xunta demandou a mesma información que no caso dos axentes, co fin de facer as alegacións e achegas igualmente respecto a este colectivo.

O Goberno galego pon en valor o traballo dos axentes forestais e medioambientais e tamén dos bombeiros forestais, que é esencial para o mantemento e conservación da biodiversidade, así como da necesidade de que a normativa recoñeza a súa profesionalidade e valía, mais sempre dentro do ámbito das competencias que corresponden ao Estado e ás comunidades autónomas.