Trenor informe ao alcalde de Culleredo do procedemento administrativo para declarar La Cros como Ben de Interese Cultural

O delegado da Xunta explicou que este proceso é complexo porque implica acadar a maior distinción desde o punto de vista patrimonial que se lle pode outorgar a un ben

Culleredo (A Coruña), 2 de xullo de 2021

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, mantivo esta mañá unha reunión de traballo co alcalde de Culleredo, José Ramón Riobóo, para informarlle de todo o procedemento administrativo para unha posible declaración de Ben de Interese Cultural da antiga fábrica La Cros. Neste senso, informou que este proceso é moi longo e complexo porque implica acadar a maior distinción administrativa que se lle pode outorgar a un ben porque permite protexelo e ofrecerlle un trato especial, xa que establece automaticamente unha serie de medidas encamiñadas á súa protección e conservación.

Trenor lembrou que este procedemento ten que superar o primeiro paso máis importante que é a incoación administrativa do expediente para a denegación ou aprobación da solicitude do BIC, tanto nun caso coma noutro deberá estar suficientemente xustificado e a solicitude terá que resolverse aos seis meses desde a presentación da documentación na Xunta.

O delegado da Xunta explicou que de superar este primeiro trámite publicaríase no DOG a resolución positiva e abriríase un prazo de exposición pública dun mes. A incoación positiva implica a aplicación provisional ao ben do mesmo réxime de protección do BIC e supón a suspensións das licenzas municipais nas zonas afectadas así como os efectos das concedidas polo Concello excepto as de mantemento e conservación. En caso de urxencia a concesión de licenzas municipais implicaría sempre a autorización previa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Trenor recalcou que o expediente de declaración BIC deberá contar con informe favorable e motivado sobre o seu valor cultural sobranceiro de polo menos dúas institucións consultivas (Real Academia Galega, Consello da Cultura Galega, Instituto de Estudos Padre Sarmiento ou das Universidades). O prazo para a declaración é de 24 meses desde a resolución da incoación. No caso de declararse BIC, aclarou o delegado, "a concesión de licenzas ou a execución das xa concedidas precisará da autorización da consellería competente en materia de patrimonio cultural".

Imaxes relacionadas