O presidente da Xunta reuniuse este mediodía co Secretario de Estado para a Unión Europea, Juan González-Barba Pera

Feijóo destaca a disposición da Comunidade a participar na Conferencia sobre o Futuro de Europa coa celebración dun foro sobre Economía Azul

Sobre os Next Generation, incide na preocupación da Xunta ante a decisión do Goberno central de reservar o 61% dos fondos para xestión propia e só o 35% para as comunidades; e demanda, novamente, un escenario de financiamento dos proxectos claro e equitativo entre territorios

No tocante á proposta da creación dunha Macrorrexión Atlántica, tanto o Secretario de Estado coa UE como o titular da Xunta coinciden en que esta nova macrorrexión contribuiría a impulsar unha maior cooperación no espazo atlántico en temas clave como o brexit ou os fondos europeos Next Generation

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2021

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, subliñou hoxe a disposición da Comunidade a participar activamente na Conferencia sobre o Futuro de Europa (COFE) creada pola UE, coa celebración de distintas actividades, entre as que destacou a celebración dun foro sobre Economía Azul.

Durante unha xuntanza co Secretario de Estado coa Unión Europea, Juan González-Barba Pera, o titular do Goberno galego trasladou a posibilidade de celebrar este evento a finais de ano, contando coa participación da sociedade civil e dos sectores implicados, como o marítimo-pesqueiro, ademais das administracións europea, estatal e autonómica.

Así mesmo, confirmou que Galicia participará tamén nas actividades que no marco desta iniciativa desenvolverá o Comité Europeo das Rexións; así como co Norte de Portugal para animar, especialmente á xuventude, a achegar á COFE as súas propostas en relación á cooperación transfronteiriza.

Ao longo do encontro, ambos avaliaron tamén a candidatura galega aos fondos europeos Next Generation, integrada por 355 proxectos que aspiran a captar un investimento de case 20.000 millóns de euros.

Ao respecto, Feijóo aproveitou para incidir na preocupación da Xunta ante a decisión do Goberno central de reservar o 61% dos fondos para xestión propia e só o 35% para as comunidades. E demandou, novamente, un escenario de financiamento dos proxectos claro e equitativo entre territorios; non en van recordou, por exemplo, a discrecionalidade no reparto dos fondos para loitar contra a pandemia levaron a que Galicia deixase de recibir 828 millóns máis dos que leva percibido.

Por último, e no tocante á proposta da Comisión Arco Atlántico de crear unha Macrorrexión Atlántica, tanto o Secretario de Estado para a Unión Europea como o presidente galego coincidiron en sinalar que esta nova macrorrexión contribuiría a impulsar unha maior cooperación no espazo atlántico en temas clave como o brexit ou os propios fondos Next Generation.

Nesta liña, Feijóo expuxo a experiencia coa que conta a Comunidade galega no desenvolvemento dunha macrorrexión. Así, en 2010, Galicia, Castela e León e a Rexión Norte de Portugal sentaron as bases para a constitución da Macrorrexión do Suroeste de Europa, que se ampliou posteriormente coa incorporación de Asturias, a Rexión Centro de Portugal e Cantabria.

Imaxes relacionadas