A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, abordou hoxe na primeira xornada as liñas xerais destes novos plans para o vindeiro ciclo 2021-2027

A Xunta inicia un ciclo informativo de 8 webinar sobre o Plan Hidrolóxico e o Plan de Xestión de Risco de Inundacións da Demarcación Galicia-Costa

A iniciativa, para a que na xornada de hoxe había 190 persoas inscritas, vai dirixida a Concellos, asociacións ou particulares coa fin de informalos sobre estes documentos, en consulta pública desde abril

A próxima webinar terá lugar o 15 de xullo e poñerá o acento nos retos dos ámbitos urbanos en relación á planificación hidrolóxica

En setembro, outra webinar e un taller abordarán a planificación hidrolóxica e as alternativas para o saneamento e o abastecemento no rural

En outubro celebraranse talleres sobre a sostibilidade nas actividades agropeacuarias ou forestal e en decembro presentaranse os plans definitivos para o próximo ciclo

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2021

A Xunta inicia hoxe un ciclo informativo de 8 webinar sobre o Plan Hidrolóxico e o Plan de Xestión de Risco de Inundacións da Demarcación Hidrográfica Galicia- Costa.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, realizará desde hoxe e ata finais de ano unha serie de xornadas en formato webinar para informar sobre estes documentos aos Concellos, técnicos municipais, asociacións ou particulares interesados.
Esta iniciativa, que xa conta con 187 inscritos, inclúe xornadas e talleres para reforzar o proceso de participación na confección destes plans, que se atopan en consulta pública desde o 30 de abril.
Trátase de resolver posibles dúbidas entre os interesados ou recoller suxestións para continuar mellorando as actuais propostas para os citados documentos e acadar un maior consenso da nova planificación hidrolóxica para o vindeiro ciclo.


Cronograma


Na xornada de hoxe, a directora e o xerente de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez e Gonzalo Mosqueira, respectivamente, ademais doutros técnicos de departamento autonómico, expuxeron as liñas xerais dos novos Plan Hidrolóxico e Plan de Xestión de Risco de Inundacións para o ciclo 2021- 2027.
A próxima webinar terá lugar o 15 de xullo e poñerá o acento nos retos que teñen os ámbitos urbanos en relación á planificación hidrolóxica.
Na primeira quincena de setembro, a webinar proxectada abordará os retos de planificación hidrolóxica nas contornas rurais. Ademais, na segunda quincena celebrarase un taller no que se avaliarán as distintas alternativas para o saneamento e o abastecemento no rural.
No mes de outubro, Augas de Galicia ten programado un taller sobre o desenvolvemento industrial e económico sostible na planificación hidrolóxica e outros en materia de sostibilidade nas actividades agropecuaria ou forestal.
Este ciclo informativo pecharase en decembro coa celebración dunha webinar na que se presentarán os documentos definitivos dos novos Plan Hidrolóxico e Plan de Xestión de Risco de Inundacións para o ciclo 2021-2027.

Obxectivos dos plans

O obxectivo do Plan de xestión do risco de inundación da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa para o ciclo 2021-2027 é minimizar o risco de asolagamentos, centrándose especialmente nas áreas de risco potencial significativo de inundación. Para isto, o plan inclúe un programa de medidas que ascende a 100,89 millóns de euros para desenvolver no período 2022-2027, incorporando actuacións de diversa tipoloxía que deben implementar as distintas administracións con competencia na materia.
En canto ao Plan Hidrolóxico Galicia-Costa 2021-2027, ten como obxectivo optimizar a xestión integral da auga ante os retos do cambio climático. A Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa foi a primeira de España en presentar a consulta pública o borrador deste instrumento de planificación que permite incorporar os cambios que rexerán a xestión e protección das bacías hidrográficas e os seus recursos hídricos para o período 2021-2027.