O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo hoxe unha xuntanza co comité de empresa de Alu Ibérica

A Xunta urxe a que o Goberno convoque a mesa industrial para desbloquear a situación que atravesa Alu Ibérica

“Estamos nunha situación de desamparo, desprotexidos por un Goberno que neste momento está ausente e lamentablemente aínda non convocou a mesa industrial e os traballadores non se merecen esta situación”, di Conde

Asegura que o obxectivo é a manter a actividade industrial na planta, e iso pasa non soamente por dar unha resposta desde o punto de vista industrial senón tamén enerxético

Confía en que a ministra de Industria, Reyes Maroto, na súa vindeira viaxe á sede de Alcoa en Pittsburgh, Pensilvania, “leve na súa axenda a situación de Alu Ibérica”
 

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, pediu hoxe ao Goberno que convoque canto antes a mesa industrial de Alu Ibérica para desbloquear dunha vez a situación pola que atravesan as plantas da Coruña e Avilés. “Estamos nunha situación de desamparo, desprotexidos por un Goberno que neste momento está ausente e lamentablemente aínda non convocou a mesa industrial e os traballadores non se merecen esta situación”, abondou.

Tras a xuntanza que mantivo esta mañá co comité de empresa de Alu Ibérica, Conde apuntou que o Goberno ten que trasladar solucións contundentes a unha situación derivada dunha operación de venda entre Alcoa e Parter que a Xunta xa advertiu no seu momento que era “un peche en falso”. “Somos plenamente conscientes de que o último responsable é Alcoa”, dixo, polo que considerou que, dalgunha forma, tamén “ten que trasladar explicacións” e “ten que estar na solución”.

Segundo dixo, o único obxectivo é que haxa “unha solución industrial para a planta”. Por iso subliñou que o Goberno debería convocar canto antes a mesa industrial para avaliar a situación e facer unha auditoría técnica e financeira. “Trátase de ver como manter a actividade industrial, e iso pasa non soamente por dar unha resposta desde o punto de vista industrial senón tamén enerxético”, engadiu. “O Goberno ten que trasladar cales son as certezas desde o punto de vista do marco eléctrico para poder garantir a produción de aluminio primario en Alu Ibérica”, remarcou Conde, para lembrar que o prezo que empresas como Alu Ibérica pagan polo o megavatio en España duplica ao dos seus competidores directos na UE.

Por outra banda, o vicepresidente económico tamén amosou a súa confianza en que a ministra de Industria, Reyes Maroto, na súa vindeira viaxe á sede de Alcoa en Pittsburgh, Pensilvania, “leve na súa axenda a situación de Alu Ibérica” e, polo tanto, se poida establecer ese contacto coa multinacional para avaliar cal é a situación da planta.

“Entendemos que ese traballo e esa tutela por parte do Ministerio de Industria é indispensable nestes momentos porque asumiu a responsabilidade de tutelar o proceso e claramente foi un proceso que non respondeu aos criterios que tanto a Xunta como os traballadores e sindicatos acordamos no seu momento”, aseverou.

Conde concluíu expresando o seu desexo de que se produza esa reacción por parte do Goberno e que a partir de agora se poidan dar “solucións contendentes e inmediatas” porque a situación é “de enorme urxencia”.
 

Imaxes relacionadas