A Xunta colabora no acondicionamento da área recreativa de Mogoxe de Folgoso do Courel para consolidar o atractivo turístico do concello

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Medio Ambiente, Teritorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asinaron o convenio de colaboración coa alcaldesa para executar os traballos que permitirán ampliar a oferta turística do municipio cunha área de baño e lecer

Alfonso Rueda destacou a aposta da Xunta por reforzar a Galicia como destino turístico seguro, de calidade e sostible e a zona do Courel como referente do turismo en contacto coa natureza que están a demandar os visitantes no escenario postcovid

Ángeles Vázquez subliñou que é o segundo concello galego con máis superficie en espazos protexidos e forma parte da candidatura a Reserva da Biosfera da Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel

Folgoso do Courel (Lugo), 2 de xullo de 2021

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asinaron hoxe coa alcaldesa de Folgoso do Courel, Lola Castro, un convenio de colaboración a través do que o Goberno galego vai investir 300.000 euros na adecuación da área recreativa de Mogoxe.

As actuacións nesta zona emprazada á beira do río Lor permitirán dotar ao municipio dunha área de baño e lecer para consolidar o atractivo turístico do concello e ampliar e complementar nos meses de verán a oferta baseada na natureza e o patrimonio etnográfico.

Os traballos incluirán a adecuación da zona de parada para transporte público, a construción dunha rampla de acceso en madeira, así como a creación de dúas zonas de xogos cunha pista de volei-praia e un parque infantil, a colocación de mesas con bancos de lousa e a plantación de árbores. Deste xeito, a colaboración entre a Xunta e o concello posibilitará, tanto ás familias do municipio como aos turistas, desfrutar dunha área de interese turístico na que se fomenta ao mesmo tempo o respecto polo medio natural.

Alfonso Rueda destacou que o concello de Folgoso do Courel, e en conxunto o xeodestino Ancares-Courel ao que pertence, é precisamente unha referencia turística no que se refire ao turismo interior e de natureza, valores que están a ser cada vez máis demandados polos visitantes á hora de escoller destino ao que viaxar.

Por iso, lembrou que Galicia é un destino seguro, de calidade e sostible que parte con vantaxe no escenario postcoronavirus ao ofrecer espazos abertos en contacto coa natureza para desfrutar dun turismo tranquilo e seguro sen masificacións. Nesta liña, incidiu en que o seguro coronavirus que xa está en vigor e cubre ao cubrir os gastos de infección por covid-19 ou por prolongar a corentena, ofrecerá un plus de tranquilidade aos turistas e peregrinos que visiten a comunidade e que Galicia xa está preparada para recibir.

Pola súa banda, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, subliñou a importancia que terá esta actuación tanto para os veciños como para os visitantes que cada ano se achegan ata esta zona atraídos polos múltiples recursos que atesoura desde o punto de vista do patrimonio natural.

Neste sentido, lembrou que Folgoso do Courel forma parte da Zona de Especial Conservación (ZEC) Ancares-Courel, é un dos 23 municipios da proposta da Xunta da Reserva da Biosfera da Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel, e está incluído no único Xeoparque Mundial declarado en Galicia; unhas características que o converten, subliñou, no segundo concello galego en canto a superficie en espazos protexidos.

Ademais, como exemplo dese labor de protección e conservación do patrimonio natural, cómpre lembrar que o Goberno galego impulsou este ano un novo programa de voluntariado ambiental que se desenvolverá ata setembro nos lugares máis senlleiros da comunidade, entre os cales se atopa a ZEC Ancares-Courel. Precisamente, unha ducia de voluntarios pasarán esta fin de semana neste espazo natural realizando desde esta tarde e ata o domingo diferentes labores de limpeza e coidado medioambiental sobre o terreo, ao tempo que reciben información sobre a contorna natural que os rodea.

Por outra parte, a Xunta tamén colaborou no concello noutros proxectos como a posta en marcha da área recreativa e o heliporto de Seoane, que conta con pista polideportiva, parque infantil e punto de aterraxe para o helicóptero de emerxencias. A infraestrutura recibiu unha achega de 50.000 euros do Goberno galego, que nos últimos anos leva investidos no concello máis de 825.800 euros en distintas melloras ambientais e de infraestruturas para a prestación de servizos municipais grazas á colaboración mantida entre a Xunta e Folgoso para levar a cabo iniciativas en beneficio da cidadanía.

Imaxes relacionadas