A Xunta impulsa unha reforma da residencia de maiores da Estrada cun investimento de 127.000€

O director xeral de Atención Integral Sociosanitaria, Antón Acevedo, e o delegado territorial, Luis López, anuncian esta actuación nunha visita ao centro da terceira idade xunto ao alcalde do concello, José López

A Consellería de Política Social xa ten adxudicadas as obras de substitución das carpintarías exteriores do segundo andar do inmoble cun orzamento de 36.000€

A remodelación completarase coa renovación do pavimento da planta baixa, o cambio da rede de climatización de varias dependencias e a reposición do montacargas con 91.000€

A Estrada, 2 de xullo de 2021

A Xunta de Galicia impulsa unha reforma da Residencia de Maiores da Estrada que contará cun investimento de 127.000 euros e que se executará ao longo do presente verán. O director xeral de Atención Integral Sociosanitaria, Antón Acevedo, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, anunciaron esta actuación hoxe nunha visita ao centro público da terceira idade da localidade estradense na compaña do alcalde, José López.

A mellora proxectada pola Consellería de Política Social consiste, por unha banda, na substitución das carpintarías exteriores do segundo andar co obxectivo de incrementar o illamento térmico e a comodidade destas instalacións. Esta obra conta cun orzamento de 36.000 euros e xa está adxudicada á empresa Calicanto Obras y Proyectos, que dispón dun mes de prazo de execución.

Así mesmo, tamén está previsto que se renove o pavimento existente nas zonas comúns da planta baixa, se cambie o sistema de climatización nas dependencias de enfermaría, comedor, lavandaría e cociña e se repoña o montacargas. Esta segunda actuación xa ten redactado o seu proxecto básico de execución, que contempla un investimento de 91.000€, e só está pendente de saír a licitación pública para proceder á súa contratación. Igualmente, o prazo previsto para os traballos é dun mes.

Mellora de infraestruturas

O director xeral de Atención Integral Sociosanitaria salientou que “a Xunta segue apostando polas melloras na calidade das residencias de Galicia” e puxo este investimento como “exemplo claro da nosa aposta por mellorar o confort e a calidade de vida dos nosos maiores que viven en residencias”. “Este é”, engadiu, “o camiño no que seguiremos avanzando nos vindeiros meses e anos”.

“A rede pública de atención aos nosos maiores é unha absoluta prioridade para a Xunta de Galicia e, tras demostrar o seu bo funcionamento durante a parte máis dura da pandemia, queremos que siga sendo unha referencia e que se atope nas mellores condicións, polo que imos seguir investindo nas súas infraestruturas e implementando os seus recursos”, sinalou, pola súa banda, o delegado territorial, que calificou estas obras de “necesarias, posto que o edificio ten máis de trinta anos de antigüidade, cun elevada nivel de uso, e queremos seguilo modernizando no que sexa preciso”.

A Residencia de Maiores da Estrada, integrada na rede pública autonómica da provincia de Pontevedra, recibiu ao longo dos últimos anos máis de 180.000 euros de investimentos por parte da Xunta de Galicia para a realización de obras, como a instalación de caldeiras de biomasa ou a substitución das fiestras, e para a dotación de diversos equipamentos, como mobiliario, electrodomésticos ou maquinaria.

Imaxes relacionadas