A Xunta triplicará o orzamento para preparar as estratexias do período 2023-2027 da medida Leader

Así o anunciou a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural no Parlamento, en resposta a unha pregunta sobre este asunto

Inés Santé avanzou que os 24 grupos de desenvolvemento rural de Galicia beneficiaranse dun gasto público total de preto de 900.000 euros para esta finalidade

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2021

Nos próximos meses haberá unha nova convocatoria da medida Leader para preparar as estratexias do seguinte período 2023-2027, que contará co triplo do orzamento do actual período, ata chegar a un gasto público total de preto de 900.000 euros. Así o anunciou hoxe no Parlamento a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, en resposta a unha pregunta sobre este asunto.
A directora xeral explicou que o obxectivo deste esforzo orzamentario é desenvolver estratexias de gran calidade, que conten cunha ampla participación da poboación local e de todos os axentes socioeconómicos de cada comarca, ou da provincia, e que se adapten ao novo contexto do desenvolvemento rural.
Inés Santé engadiu que se trata de conseguir que todos os grupos de desenvolvemento rural (GDR) de Galicia se mobilicen para elaborar unhas estratexias o máis ambiciosas posibles, tendo en conta a nova realidade lexislativa galega que establece a Lei de recuperación da terra agraria, que ofrece novidosos instrumentos e ferramentas para a mellora do desenvolvemento rural. Puxo en valor, ao tempo, a xestión dos novos retos e oportunidades da era post-covid, que está a modificar todos os parámetros económicos, sociais e culturais, ou a nova PAC e o Pacto Verde Europeo, a estratexia da granxa á mesa ou a estratexia de biodiversidade, que debullan -dixo- un escenario novo e ben distinto.
Na súa intervención, a directora xeral reafirmou o apoio da Xunta aos 24 GDR galegos, un respaldo que se materializou, entre outras medidas, cunha dotación orzamentaria de máis de 10 millóns de euros para garantir o funcionamento destes grupos ata 2023, sendo así a nosa comunidade a primeira autonomía que lles garante a súa continuidade ata esa data. Inés Santé lembrou ademais que o pasado día 3 de maio o DOG publicou a convocatoria de subvencións para a execución de proxectos da medida Leader, cun orzamento de 13 millóns de euros para as anualidades 2021 e 2022. Rematado o prazo para a presentación de solicitudes de axudas, recibíronse máis de 600 proxectos para dinamizar o agro galego, salientou Santé.

Formación

Pola súa banda, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, explicou as principais liñas de traballo do seu departamento en materia de formación. Neste sentido, destacou que Agacal vén de incluír por primeira vez no programa de formación continua do Feader un curso para desenvolver as capacidades empresariais dos gandeiros, co fin de que poidan adquirir coñecementos de xestión para dirixir as decisións da súa explotación con criterios de negocio. José Luis Cabarcos indicou que este curso, do que xa se celebraron ata o de agora tres edicións, recolle aspectos como a xestión integral do negocio, o control de custos, a optimización da xestión fiscal, a innovación e a mellora continua para crear valor ou o desenvolvemento de habilidades de negociación.

Pedrazo

O director da Agacal respondeu tamén unha pregunta sobre o episodio de pedrazo que afectou a mediados do pasado mes de xuño varias zonas de viñedo dos concellos lugueses de Chantada, O Saviñao e Taboada. Así, lembrou que dende o primeiro momento técnicos da Consellería do Medio Rural inspeccionaron a área afectada para avaliar os danos e reuníronse con viticultores para elaborar unha serie de recomendacións culturais e fitosanitarias, para atallar as consecuencias do fenómeno climático adverso.

Ademais, José Luis Cabarcos cifrou nunha porcentaxe inferior ao 3,8% a superficie e a produción potencial afectadas, en relación co territorio total amparado pola Denominación de Orixe Ribeira Sacra. Así, sinalou que a superficie danada, en diferentes graos de afectación, foi de 312 hectáreas, correspondentes a 1.371 explotacións.

Por último, o responsable da Agacal insistiu na importancia de asegurar os cultivos fronte este tipo de incidencias e recordou que a Xunta aposta por fomentar os seguros con axudas que na convocatoria de 2021 contan cun orzamento de 6 millóns de euros, cantidade un 20% superior á destinada no ano 2020.