A Xunta subliña que Cristalería Pontevedresa é un exemplo de como a dixitalización e internacionalización melloran a competitividade das empresas

O director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Fernando Guldrís, visitou esta mañá a empresa instalada no polígono industrial da Reigosa

No marco das axudas á dixitalización Industria 4.0 lanzadas polo Goberno galego, a compañía está a impulsar un proxectos que lle permitirá implantar unha plataforma de comunicación web para mellorar a interacción cos usuarios

O programa autonómico Galicia Exporta Dixital suma este ano seis millóns de euros para promover a internacionalización de pemes galegas a partir de ferramentas dixitais

Ponte Caldelas (Pontevedra), 2 de xullo de 2021

O director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Fernando Guldrís, acompañado do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, visitou esta mañá en Ponte Caldelas as instalacións de Cristalería Pontevedra, instalada no polígono industrial da Reigosa, onde puxo en valor a aposta desta compañía pola dixitalización, a internacionalización e a mellora dos seus procesos produtivos para lograr unha continua mellora na súa competitividade.
Un proceso no que ten contado co apoio do Goberno galego, a través da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, para a realización de investimentos para a adquisición de maquinaria ou para a mellora dos procesos produtivos, así como para a súa dixitalización, no marco da liña de axudas Industria 4.0. Así, a empresa está a implantar, grazas a este programa, unha plataforma de comunicación web para mellorar a interacción cos usuarios.

Neste sentido, cabe recordar que a Xunta activará proximamente unha nova edición do Cheque Dixital, co que porá a disposición de pemes e autónomos 4M€ para o desenvolvemento de proxectos relacionados coa activación de sistemas de control de aforo ou de normas de calidade da covid-19, así como para a aposta por mecanismos de cartelería electrónica, sistemas de notificación en móbil ou a automatización de procesos regulados.

Tal e como apuntou o director do Igape, a internacionalización foi outro dos factores clave para o continuo crecemento de Cristalería Pontevedresa que, fundada en 1959, suma hoxe máis de 5000 clientes en Europa, América Latina, África e Oriente Medio.

A empresa ten solicitado tamén a colaboración da Xunta a través do programa de axudas Galicia Exporta Dixital, unha liña que este ano suma 6M€ para impulsar a internacionalización das pemes galegas a partir de ferramentas dixitais que garanten a mellora da competitividade.

Imaxes relacionadas