Galicia avanza na aposta pola remuda xeracional e na visibilización do rol feminino nas zonas costeiras

A Xunta salienta o labor dos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) con accións para promover a incorporación de xente nova ao sector así como para facer visible a contribución das mulleres ao sector marítimo-pesqueiro

Soutomaior (Pontevedra), 2 de xullo de 2021

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, participou hoxe na presentación do proxecto Os mares da baixura: unha web para formar e informar co que o Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Ría de Vigo-A Guarda e a Asociación Mar Seguro de Galicia buscan promover a formación dos profesionais do mar e contribuír á remuda xeracional así como a darlle visibilidade ao rol feminino no sector. A representante da Consellería do Mar enxalzou o gran labor realizado polos GALP neste eido e incidiu na necesidade de que as institucións e as entidades vencelladas co mar traballen da man para trasladar aos máis novos as posibilidades de emprego que ofrece o sector marítimo-pesqueiro e que se animen a incorporarse a el.
Susana Rodríguez lembrou que hai outros proxectos en marcha promovidos polos GALP que teñen estes mesmos obxectivos, pois pretenden dar resposta aos principais retos do sector, o que demostra a concienciación cada vez maior do sector neste eido. Nesta liña, a representante do Executivo galego incidiu na relevancia de incidir tamén no recoñecemento das mulleres como parte fundamental do complexo mar-industria de Galicia e cunha especial presenza desde sempre en sectores como o marisqueo.
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro animou ás entidades asociativas das zonas costeiras a seguir traballando neste sentido e lembrou que a Xunta destina este ano máis de 16 millóns de euros ás iniciativas que presenten os oito GALP existentes en Galicia para impulsar a economía das zonas costeiras. As preto de medio milleiro de accións desenvolvidas na comunidade desde 2016 ao abeiro destas entidades supuxeron a mobilización de máis de 30 millóns de euros de axuda pública.

A iniciativa

O proxecto Os mares da baixura: unha web para formar e informar consiste na creación dun portal web para dar visibilidade á importancia e á riqueza do patrimonio sociocultural do sector pesqueiro de baixura. Entre os seus obxectivos está o de fomentar a creación de emprego e a remuda xeracional no sector, promover as boas prácticas laborais para aumentar a seguridade no traballo diario e mellorar a formación dos profesionais do mar. Os impulsores desta acción tamén buscan dar visibilidade ao papel da muller no sector pesqueiro e incentivar as boas prácticas ambientais sensibilizando ao conxunto dos traballadores do mar da importancia de facer unha xestión responsable dos residuos.

Imaxes relacionadas