A conselleira do Mar participou na presentación da campaña ‘O cerco, un xeito de vida’, da organización de produtores pesqueiros da Asociación de Armadores de Cerco de Galicia

Galicia pon en valor a selectividade da pesca do cerco cunha campaña de promoción que tamén mira cara á remuda xeracional

Rosa Quintana destacou o esforzo de Acerga para poñer en marcha a iniciativa O cerco, un xeito de vida, que se enmarca no plan de produción e comercialización da OPP e que conta con financiamento da Consellería do Mar

Con esta campaña Acerga busca difundir a actividade pesqueira sostible do cerco, os produtos que captura esta frota e o seu estilo de vida co fin de atraer ás novas xeracións con accións como un documental, un anuncio, un vídeo-recetario e a súa presenza en centros de educación primaria

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2021

A Conselleira do Mar, Rosa Quintana, puxo hoxe de relevo o labor da frota do cerco que se caracteriza por traballar “cun produto de proximidade e moi selectivo debido á arte de pesca empregada” e por unha actividade sustentable e responsable nos eidos ambiental, económico e social. Así o destacou durante a presentación da campaña O cerco, un xeito de vida, da organización de produtores pesqueiros (OPP) da Asociación de Armadores de Cerco de Galicia (Acerga) e que pon en valor a sustentabilidade da pesca do cerco e mira cara ao reto da remuda xeracional.

Alí a conselleira estivo acompañada pola directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, e tamén aproveitou a ocasión para felicitar a Acerga polos tres anos que cumpre como OPP representando a máis de 100 asociados de toda Galicia “na defensa do cerco como arte de pesca e da actividade pesqueira”.

Ademais a titular de Mar destacou o esforzo desta asociación para poñer en marcha a campaña O cerco, un xeito de vida e darlle continuidade. Con esta iniciativa, que se enmarca no plan de produción e comercialización da OPP e que conta con financiamento da Consellería do Mar a través do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, Acerga busca destacar a importancia da actividade pesqueira sostible que desenvolven os seus asociados e os produtos que capturan. Tamén ten como finalidade difundir o estilo de vida do cerco para atraer aos máis novos, propiciando o relevo xeracional.

Eses fins reflíctense nas accións que forman parte da campaña, entre elas un documental para trasladar os obxectivos da iniciativa aos consumidores e a presenza nas escolas, onde comezou en 2020 e foi presentada en dous centros de educación primaria de Sada e A Coruña. Este ano, a iniciativa estivo en catro centros educativos de Malpica, Camariñas, Ribeira e Vigo. Para a súa presenza nas escolas a campaña conta cun caderno de aventuras, un vídeo e diferentes actividades e videoxogos, protagonizadas polo Xurelo Manolo e a Sardiña Albertiña.

O cerco, un xeito de vida tamén contén un anuncio e un vídeo-recetario no que se dá conta dos beneficios nutricionais dos produtos do cerco mediante a elaboración de receitas con especies como a sardiña, o xurelo e a boga, da man de Adrián Albino, do restaurante Niño Corvo.

Por último a conselleira do Mar puxo en valor a importancia de contar con iniciativas de promoción como esta, pois, a través dos medios dixitais e con distintas accións, axudan a difundir “o bo saber facer do sector”. Ademais agradeceu a Acerga o seu esforzo para sacar adiante esta campaña da que a súa presentación se tivo que pospoñer ata a actualidade debido ás restricións derivadas da situación da covid-19.

Imaxes relacionadas