Román Rodríguez destaca o papel das romarías tradicionais para reforzar a cultura popular galega

O conselleiro de Cultura inaugura a mostra ‘Fe. Tino Martínez 1971-2016’ que reúne no Museo das Peregrinacións un cento de fotografías históricas do artista compostelán

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, salientou hoxe a contribución que as romarías e festividades tradicionais están a ter no impulso da cultura popular galega e animou a seguir poñéndoas en valor. Así o manifestou hoxe durante a inauguración da exposición Fe. Tino Martínez 1971-2016 no Museo das Peregrinacións e de Santiago, que recolle preto dun centenar de fotografías destas festividades a cargo do artista compostelán.

Como expresou, estas imaxes son testemuño dos últimos 45 anos da historia de Galicia coas que o seu autor, Tino Martínez, converte a exposición en toda unha “crónica sentimental de toda unha xeración de galegos”. “Xa sexa na romaría do Corpiño de Lalín ou do Nazareno de Pobra do Caramiñal, os protagonistas das imaxes fálannos con sinceridade e esa franqueza inscríbese na tradición galega da teima, do perdón e a memoria”, expresou.

O titular de Cultura da Xunta agradeceu o esforzo artístico de Tino Martínez e a súa contribución a enriquecer o catálogo do Museo das Peregrinacións e de Santiago facéndoo mais universal con mostras como esta. Salientou tamén o papel que está a ter o museo para reactivar progresivamente a actividade cultural con seguridade.

Neste sentido, referiuse ás distintas actividades que reúne o centro museístico, incluíndo a súa mostra permanente especialmente estratéxica neste Ano Santo que fai do museo “un motor fundamental para a ilustración do valor relixioso, artístico e patrimonial que supón o Camiño de Santiago”.

Esta proposta xunto coas exposicións temporais como a inaugurada hoxe demostran neste ano no que se cumpren 70 desde a súa fundación “o seu continuo afán de crecemento e de investigación”.

Fotografías inéditas

Fe. Tino Martínez 1971-2016 está composta por 90 fotografías realizadas en analóxico e en branco e negro nas que o autor recolle a devoción e fe da xente que participa nalgunhas celebracións populares como a do Nazareno, na Pobra do Caramiñal; os Milagres de Amil, en Pontevedra; o Sanyo Cristo de Xende, na Lama; a Virxe da Xunqueira, en Cee; Santa Marta de Ribarteme, nas Neves, ou o Corpiño, en Lalín.

Algunhas das imaxes formaron parte de varias exposicións nacionais e internacionais desde finais da década dos anos 70, pero na súa gran maioría son fotografías inéditas expostas por primeira vez nesta exposición, que permanecerá no Museo das Peregrinacións e de Santiago ata o 31 de outubro.

Imaxes relacionadas