A Xunta participa no mercado ‘Sabor a artesanía’ que se celebra esta fin de semana en Santiago

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, achegarase ata o Pazo de San Lourenzo mañá sábado para apoiar as 17 marcas de Artesanía de Galicia que participan nesta feira de venda directa

O apoio á comercialización do produto artesán galego continúa a formar parte das principais liñas de actuación do Goberno galego en materia de artesanía

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2021

Santiago de Compostela acolle esta fin de semana a segunda edición de Sabor a Artesanía, un evento de venda directa do produto artesán no que a marca Artesanía de Galicia terá un papel destacado coa participación de 17 obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia e a organización dun obradoiro impartido pola asociación de artesáns Trenzarte. Este mercado, que se celebra no Pazo de San Lourenzo, está organizado pola empresa Correveydile e conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Fundación Artesanía de Galicia.

O apoio á comercialización do produto artesán galego en eventos de pequeno formato como Sabor a Artesanía continúa a formar parte das principais liñas de actuación da Xunta en materia de artesanía. A xerente da Fundación, Elena Fabeiro, achegarase mañá sábado ás 12,00 horas ata o Pazo de San Lourenzo para respaldar os 17 obradoiros da marca que participan no evento.

Os profesionais de Artesanía de Galicia que exporán e venderán os seus produtos en Sabor a Artesanía están especializados nos oficios da xoiería, o coiro, a estampaxe, o cartón pedra, os coitelos artesanais, os xoguetes de madeira, a ilustración, a cerámica, a pedra ou os complementos de moda. Os participantes son os obradoiros composteláns Noga Arts Joyería de Autora, Milena Colella, Jatafarta, Deica!, Contraform, Xiana Cobo e Degerónimo; así como os obradoiros Soledad Mato (Oroso), Leónlagata (Sanxenxo), Blaurtopías (Baiona), Macala e Cuchillos Artesanos Villar (Teo), Pedras de Papel (Rianxo), Conloquetengo (As Pontes), Liño e La (Gondomar), Jerolas (Curtis) e Enxógate (Quiroga).

Artesanía de Galicia tamén colabora na organización dun obradoiro aberto sobre o traballo con palla trenzada, que estará impartido pola asociación de artesás Trenzarte, de Mazaricos. Na programación do evento tamén se inclúen actuacións musicais para as que será necesario mercar entrada. Sabor a Artesanía estará aberta ao público mañá sábado e o domingo, en horario de 12,00 a 21,00 horas.

Co apoio a este tipo de eventos, a Xunta de Galicia busca continuar co seu impulso á promoción comercial do sector artesán galego e apoiar o axuste dos profesionais a novas fórmulas de comercialización e de divulgación, así como aos novos hábitos de consumo.

Imaxes relacionadas