A conselleira de Política Social, Fabiola García, asinou esta mañá o convenio de colaboración co Concello de Ferrol polo que se cede a parcela onde se vai situar o novo centro

Fabiola García sinala que a residencia de maiores que construirá e equipará a Fundación Amancio Ortega en Ferrol “vai situar a cidade á vangarda nacional” dos coidados

Conta cun investimento aproximado de 12 millóns de euros e permitirá a creación de 120 prazas públicas de atención, a creación de 110 postos de traballo directo, un equipamento moderno e uns servizos innovadores

A parcela atópase no Bertón, o que implica “darlle un impulso a esta zona” e dotar ao centro de boa comunicación con puntos importantes da cidade e co concello de Narón
 

Ferrol, 2 de xullo de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, sinalou esta mañá que a residencia de maiores que a Fundación Amancio Ortega construirá e equipará en Ferrol “vai situar a cidade á vangarda nacional” no ámbito dos coidados. No día de hoxe a Xunta de Galicia e o Concello de Ferrol asinaron un convenio de colaboración polo que se cede a parcela onde se situará o futuro centro, na zona do Bertón.

Fabiola García lembrou que este centro, que conta cun investimento aproximado de 12 millóns de euros por parte da Fundación Amancio Ortega, permitirá a posta en marcha de 120 prazas públicas de atención, a creación de 110 postos de traballo directo neste sector e, ademais, co máis moderno equipamento e cos servizos innovadores. Mostra diso son as unidades psicoxeriátricas, especializadas na abordaxe do Alzheimer e outras demencias.

Así mesmo, destacou que esta localización “impulsa unha zona con moitas expectativas de crecemento como é O Bertón” e dálle á residencia unha boa comunicación tanto con puntos importantes da cidade como co concello limítrofe de Narón. En definitiva, un lugar para que as persoas maiores “reciban os mellores coidados, os mellores medios e da man dos mellores profesionais”, destacou.

A conselleira agradeceu a vontade de colaborar do Concello de Ferrol para dotar a esta cidade dunha residencia de alta calidade. Neste sentido, resaltou que as institucións deben “estar á altura nun momento histórico como o que está a vivir o sector dos coidados” e dar todas as facilidades para modernizar e mellorar a rede de servizos á disposición dos cidadáns.
 

Imaxes relacionadas