A Xunta traslada ao Concello de Santiago as actuacións necesarias para executar a ampliación do CHUS

O Goberno galego solicitou a sinatura dun convenio de colaboración para dotar de servizos e eximir de tributos a nova infraestrutura e abordou co Concello os seguintes pasos a dar para a súa tramitación urbanística

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo mantiveron onte pola tarde unha reunión, á que tamén asistiu a xerente da área sanitaria, Eloína Núñez Masid
 

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2021

A Xunta de Galicia mantivo, onte pola tarde, no Edificio Administrativo da Consellería de Sanidade en San Lázaro, unha reunión co Concello de Santiago para iniciar o proceso de tramitación urbanística da licenza de ampliación do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, así como dos mecanismos de colaboración institucional para levala a cabo.

Na xuntanza, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, trasladou ao alcalde da cidade, Xosé Sánchez Bugallo, os detalles do proxecto de ampliación xa rematado polo Servizo Galego de Saúde, e que suporá un crecemento de preto de 30.000 metros cadrados do inmoble, o que significa case un 30% máis de superficie para este hospital, que medrará en dous dos seus tres edificios. Deste xeito, Xunta e Concello abordaron as distintas posibilidades de tramitar a regulación urbanística desta actuación.

Asemade, o Goberno galego trasladou ao Goberno municipal a necesidade de asinar un convenio semellante aos asinados noutras cidades onde se teñen iniciado obras de ampliación hospitalaria como A Coruña e Pontevedra, no que se recollan os compromisos das administracións autonómica e local. Así mentres a Xunta asumiría a obriga de executar a obra, cun investimento global que se estima en arredor de 60 millóns de euros, o convenio fixaría a asunción por parte do concello das actuacións necesarias para dotar ao inmoble das dotacións e servizos públicos necesarios, así como a regular nas ordenanzas fiscais municipais a exención do pagamento do imposto sobre bens inmobles e a bonificación do 95% do imposto sobre construcións, instalacións e obras.

A ampliación do CHUS suporá unha importante mellora da atención sanitaria na área de Santiago, cunha incidencia directa nos bloques cirúrxicos, a área de urxencias e urxencias pediátricas, o hospital de día, as unidades de hospitalización, as áreas de endoscopias, o laboratorio de microbioloxía, a área de autopsias e noutras unidades como mama, neumoloxía, alerxia, dor, anestesia ou cirurxía plástica e maxilofacial.

A reunión entre o conselleiro de Sanidade e o alcalde de Santiago, contou, así mesmo, coa presenza do delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor López; da directora xeral de Recursos Económicos do Sergas, María Jesús Piñeiro Bello; da xerente da área sanitaria de Santiago e Barbanza, Eloína Núñez Masid; e da directora da área de urbanismo do Concello, Ana Prieto Flórez.

Imaxes relacionadas