Preto de 400 profesionais do marisqueo a pé participan na recollida activa de lixo en Galicia, o que supón o dobre que no 2020

A Xunta subvenciona esta e outras accións ao abeiro da convocatoria de axudas para proxectos colectivos que contribúan á protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas mariños mediante a recollida de residuos no mar

A Consellería do Mar aprobou oito proxectos colectivos cun valor total de axuda de preto de 345.000 euros ao abeiro da convocatoria das achegas destinadas a este tipo de iniciativas

Todos eles enmárcanse no plan MarLimpo da Consellería do Mar que busca contribuír a acadar un ambiente costeiro e mariño limpo e produtivo e unha redución da cantidade de residuos existentes nas zonas costeiras
 

A Xunta aprobou oito proxectos colectivos para a protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas mariños mediante a recollida de residuos no mar ao abeiro da convocatoria de 2021 das achegas para este tipo de iniciativas. Unha das actuacións apoiadas no marco destes proxectos é a recollida activa de lixo mariño en Galicia que será realizada por preto de 400 profesionais do marisqueo a pé e cinco embarcacións. A cifra dos profesionais do marisqueo a pé duplica á dos que participan na recollida activa de residuos ao abeiro dos proxectos aprobados na convocatoria do ano pasado, o que reflicte a implicación do sector marítimo-pesqueiro no coidado do medio mariño.

Estas achegas, financiadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), están dirixidas ás confraría de pescadores, organizacións de produtores pesqueiros e outras entidades asociativas do sector en Galicia como as ONG en alianza coas entidades do sector ou conxuntamente cos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP).

Así o reflicte un informe analizado hoxe no Consello da Xunta sobre a resolución da convocatoria deste ano, no que tamén se especifica que os oito proxectos seleccionados supoñen un valor total de axuda de preto de 345.000 euros.

A recollida activa de lixo apoiada nesta convocatoria realizarase no marco de sete proxectos que abarcan compensacións aos mariscadores a pé e á frota de artes menores por esta acción. A contía diaria no caso das embarcacións pesqueiras -para as empresas armadoras- será a correspondente aos ingresos medios da actividade pesqueira da frota de artes menores no trienio 2017-2019 en función da súa área xeográfica e do seu arqueo. No caso do marisqueo a pé, a compensación terá en conta o nivel de ingresos medios da actividade no trienio 2017-2019 segundo a súa área xeográfica.

Unha destas sete iniciativas é da confraría de pescadores de Noia e denomínase Econoia II. Engloba a retribución por días de recollida activa de lixo mariño a 221 mariscadores a pé e accións como a presentación do proxecto e de concienciación como unha exposición. Tamén contén a elaboración de vídeos divulgativos. O valor de axuda para esta iniciativa é de máis de 195.600 euros para as anualidades 2021 e 2022.

Outro proxecto é conxunto e pertence ás confrarías de Muros e O Pindo. Abarca a compensación por día a 55 mariscadoras e mariscadores a pé polas tarefas de limpeza de residuos mariños e accións formativas e de sensibilización. O importe da achega desta iniciativa é de máis de 67.300 euros para este ano e 2022.

A confraría de Cedeira ten un proxecto para o que se prevé un apoio de preto de 23.600 euros para este ano. Inclúe a compensación por días a 18 profesionais pola recollida de lixo nos bancos marisqueiros desta entidade, o desenvolvemento dunha xornada formativa e material divulgativo, entre outras accións.

Na zona da ría de Ferrol, a confraría da cidade contará cunha axuda de preto de 3.000 euros para esta anualidade con compensación a dez persoas por día de recollida de residuos mariños. O proxecto do pósito de Mugardos disporá dunha axuda de preto de 15.000 euros para este ano e inclúe a retribución a 47 profesionais do marisqueo a pé por días de recollida activa de lixo. Ademais a confraría de Barallobre ten un proxecto cun valor de axuda de arredor de 20.000 euros tamén para este ano e que abarca accións de recollida de residuos por parte de 34 profesionais do marisqueo a pé.

A confraría de pescadores de Vigo tamén conta cunha iniciativa de recollida activa de lixo que disporá de máis de 8.600 euros de apoio para 2021 e 2022 e que engloba tarefas de recollida de residuos con compensación por día a cinco persoas do marisqueo a pé e a cinco barcos.

Por último, un dos oito proxectos seleccionados é de recollida pasiva de lixo, o que implica que as embarcacións e profesionais da pesca e do marisqueo recollen os residuos que veñen a bordo nos aparellos durante as faenas ordinarias de pesca ou durante a actividade normal.
Esta iniciativa é da confraría de Cambados, a ela destínanse 12.000 euros de achega para o 2022 e abarca xornadas formativas a persoas mariscadoras e tripulantes de embarcacións, xornadas de sensibilización en centros educativos e elaboración de material divulgativo, entre outras accións. Implica a máis de 200 profesionais do marisqueo a pé e máis de 260 embarcacións.


Plan MarLimpo

Todos estes proxectos enmárcanse no plan MarLimpo da Consellería do Mar, co que se pretende contribuír a acadar un ambiente costeiro e mariño limpo, saudable, produtivo e bioloxicamente diverso e unha redución da cantidade de residuos existentes nas zonas costeiras. A través del tamén se busca que os sectores pesqueiro e marisqueiro integren nas súas operativas boas prácticas que contribúan á protección do medio mariño.

Súmanse ás seis iniciativas aprobadas por un importe total de máis de 275.500 euros na convocatoria de 2020 destas achegas, que se convocaron por primeira vez o ano pasado. Destes proxectos aprobados tres eran de recollida activa de lixo e incluían a recollida de lixo mariño por preto de 200 profesionais do marisqueo a pé e cinco embarcacións.

Tamén se engaden aos 57 plans de xestión de marisqueo que contemplan entre os seus obxectivos a participación dos profesionais na recollida de lixo mariño. Esta cifra representa máis do 60% dos 94 plans aprobados no Plan xeral de explotación marisqueira 2021-2023.