A conselleira de Política Social, Fabiola García, acompañou á Illa de Ons aos primeiros 30 mozos e mozas participantes neste campamento xuvenil

A Xunta de Galicia pon en marcha a campaña estival 2021 para ofrecer á mocidade "un verán para recordar"

Desde hoxe e ata o mes de setembro a Comunidade acollerá preto de 90 propostas de ocio promovidas polo Goberno galego entre campamentos, minicampamentos e campos de voluntariado

A Administración autonómica realizará tests de antíxenos gratuítos aos participantes e aos monitores ao inicio de cada quenda para garantir unha actividade segura
 

Bueu (Pontevedra), 1 de xullo de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, acompañou esta tarde á primeira quenda de rapaces ao campamento xuvenil da Illa de Ons, onde desfrutarán de oito días de actividades e convivencia. A Xunta de Galicia inicia hoxe a campaña estival 2021 que, a través de campamentos, minicampamentos e campos de voluntariado ofrecen ás mozas e mozos “un verán para recordar”.

Fabiola García animou aos participantes a vivir experiencias, pasalo ben e a coñecer novas amizades, e aproveitou a ocasión para apelar ao sentidiño e á responsabilidade demostrada pola xuventude galega nos momentos máis duros da pandemia.

A Illa de Ons acollerá un dos 35 campamentos que desde hoxe e ata o mes de setembro formarán parte da Campaña de Verán deseñada polo Goberno galego. Esta será a primeira das seis quendas que permitirá aos rapaces gozar desta parte do Parque Nacional Illas Atlánticas. As mozas e mozos que acudan a este campamento poderán desfrutar de diferentes actividades relacionadas co mar e coa natureza tales como o pádel surf, o tiro con arco, kaiak ou xincanas, entre outras.

Baixo o lema “O verán que mereces”, a programación estival deseñada pola Administración autonómica ofrecerá desde xullo e ata setembro unha completa oferta de ocio seguro, na que se manterán as medidas de protección aplicadas durante a pasada edición, como a redución do aforo, o incremento do número de monitores, o reforzo das medidas de desinfección e limpeza ou a adaptación das actividades ás normas hixiénico-sanitarias.

Probas de antíxenos

Ademais, a Xunta de Galicia reforzará o protocolo aplicado o ano pasado coa realización dunha proba de antíxenos completamente gratuíta para todos os participantes e monitores antes do inicio dos campamentos, minicampamentos e campos de voluntariado que conforman a Campaña de Verán.

O ano pasado Galicia foi das poucas Comunidades que mantivo a campaña de verán e logrou que se desenvolvera sen incidentes xa que non se rexistrou ningún caso positivo. As familias galegas volveron confiar este ano na campaña de verán da Xunta de Galicia, xa que o 98% das prazas ofertadas nos campamentos xa foron adxudicadas.

Imaxes relacionadas