A Xunta continúa a avanzar coa USC no traballo de análise das competencias autonómicas e municipais

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, presidiu esta mañá a reunión do grupo de traballo creado no seo da comisión de seguimento do convenio asinado entre ambas entidades

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2021

A directora de Administración Local, Natalia Prieto, presidiu hoxe unha nova reunión do grupo de traballo creado no marco da comisión de seguimento do convenio asinado entre a Xunta e a Universidade de Santiago (USC) en decembro do pasado ano.

Na reunión, ademais de facer balance dos traballos realizados, avanzouse na análise dos ámbitos das emerxencias, de turismo e da igualdade, polo que, ademais de contar cos representantes da Xunta e da USC, participaron no encontro representantes destes departamentos autonómicos.

O obxectivo final do traballo é obter unha análise rigurosa en tódolos eidos que permita contar cunha delimitación clara das competencias autonómicas e municipais.

A Comisión reuniuse en anteriores sesións con representantes das consellerías de Política Social; Cultura, Educación e Universidade; Sanidade; Emprego e Igualdade; Medio Rural; e Medio Ambiente, Territorio e Vivenda)

O acordo entre a Xunta e a Universidade de Santiago recolle a necesidade de priorizar a clarificación das competencias relacionadas coa xestión da pandemia provocada pola covid-19.

O grupo de traballo avaliará en próximas reunións as competencias noutros eidos con membros de ambas entidades e expertos na materia.
 

Imaxes relacionadas