A Xunta apoia con 1,7 M€ a contratación de 125 desempregados para a prevención de incendios en 79 concellos da provincia da Coruña

O obxectivo da iniciativa é impulsar o emprego rural na Comunidade Autónoma

Cos programas xa resoltos de socorristas e de aprol rural os concellos da provincia recibirán case 2,3 millóns de euros para a contratación de 307 desempregados
 

A Coruña, 1 de xullo de 2021

A Xunta vén de resolver a convocatoria de axudas deste ano do programa Aprol Rural para apoiar aos concellos galegos na contratación de persoas desempregadas para realización de servizos de prevención de incendios, entre outros.

Na provincia da Coruña beneficiaranse 79 concellos que coas axudas da Xunta por valor de 1,7 millóns de euros poderán contratar a 125 persoas. En Galicia, en global, apoiarase a contratación de 505 persoas sen emprego en 284 concellos a través dun investimento de sete millóns de euros.

As persoas desempregas realizarán tarefas relacionadas, maioritariamente, coa prevención de incendios nas faixas secundarias definidas pola Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia. Na orde de axudas deuse prioridade aos concellos fusionados e os emprendedores. Os contratos terán unha duración de 9 meses a tempo completo.

O obxectivo da iniciativa é incrementar e mellorar as oportunidades laborais do rural de Galicia, mediante a contratación de persoas desempregadas, e dar un impulso aos traballadores das zonas menos poboadas da comunidade autónoma.

Estas contratacións únense aos apoios xa aprobados pola Xunta destinadas á provincia da Coruña para impulsar a contratación do servizo de socorristas que é competencia municipal. No caso desta provincia, a Consellería de Emprego e Igualdade financiará a contratación de 182 socorristas en 48 concellos cun investimento de máis de 591.000 euros.

Cos programas xa resoltos de socorristas e de Aprol rural os concellos da provincia da Coruña recibirán case 2,3 millóns de euros para a contratación de 307 desempregados.


Programas creación de emprego

Enmárcanse, ademais, na prioridade da Xunta de crear máis e mellor emprego de calidade na Comunidade e completan outras iniciativas que xa se activaron e que favorecen a contratación nos concellos galegos.

É o caso dos obradoiros de emprego, no que se invisten en toda Galicia 30,2M€ para permitir a formación e o acceso ao emprego de 1.500 persoas; as axudas para a contratación de orientadores laborais, ás que se destinan 6,8M€ para a contratación de 280 persoas ou os Programas Integrados de Emprego, cun orzamento de 8,4M€ para apoiar a contratación de 3.300 persoas en concellos e entidades sen ánimo de lucro.

Así mesmo, destacan as axudas destinadas á contratación de 700 persoas perceptoras da Risga, que contan cun orzamento de 7,7 millóns de euros en toda Galicia para dar apoio a 165 concellos ou agrupacións de municipios; ou as axudas para apoiar a contratación de persoas sen emprego para a realización de servizos de interese xeral e social nas que este ano o investimento é de 1,5 millóns de euros para a contratación de 464 socorristas en 163 concellos galegos.
 

Documentos relacionados

Departamento:
C. do Medio Rural