Román Rodríguez eloxia o papel da feira do libro de Vigo como "motor intelectual e creativo"

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade inaugurou hoxe XLVII edición da mostra que se celebrará ata o 10 de xullo na rúa Príncipe cunha ducia de casetas

Forma parte do circuíto impulsado pola Xunta e a Federación de Libreiros de Galicia cun investimento de 120.000€ e 12 paradas entre abril e agosto

A cita de Vigo contará coa participación de máis de 60 autores, ilustradores e tradutores para asinar exemplares
 

Vigo, 1 de xullo de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, inaugurou hoxe a XLVII Feira do Libro de Vigo que se celebrará ata o 10 de xullo na rúa Príncipe coa participación de máis de 60 autores, ilustradores e tradutores. Trátase dunha cita que forma parte do circuíto impulsado pola Xunta de Galicia e a Federación de Libreiros para divulgar o libro e a lectura por toda a Comunidade con 12 paradas entre os meses de abril e agosto.

Durante o acto, o representante da Xunta de Galicia destacou que a parada de Vigo é unha das máis importantes do circuíto e na que cobra un significado especial polo papel da cidade como “motor intelectual e creativo” da nosa cultura. “A literatura atravesa cada recuncho de Vigo desde a ría ata as rúas da cidade grazas ás verbas de autores como Xulio Verne, Domingo Villar ou Eduardo Blanco Amor”, afirmou antes de engadir que a literatura e a arte por extensión, “son parte vital da historia e da identidade olívica”.

Así tamén o demostra o traballo de figuras como Xela Arias, protagonista das Letras Galegas deste ano cunha ampla programación impulsada pola Xunta; o arquitecto Antonio Palacios, ao que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade dedicará unha gran exposición en setembro no Museo do Mar, ou a pegada que deixou na cidade o pintor lalinense Laxeiro, homenaxeado en 2022 no Día das Artes Galegas.

No mesmo marco, o conselleiro de Cultura apelou ao “compromiso común de todos” para reforzar o papel do sector do libro na sociedade. Neste sentido, destacou o papel levado a cabo nas preto de 50 edicións da Feira do Libro de Vigo contribuíndo a manter “viva e áxil esta industria que demostrou ser fundamental nas nosas vidas”. “Se de algo nos decatamos durante a pandemia foi da importancia da cultura nas nosas vidas para descubrir novas realidades, afondar no noso coñecemento e desfrutar de experiencias sen saír da casa”, afirmou.

Román Rodríguez tamén recoñeceu o labor da Federación de Libreiros de Galicia para ofrecer unha actividade á altura do sector editorial e que, ao tempo, sexa segura tanto para os profesionais como para os visitantes. “A pandemia mudou o noso xeito de relacionarnos coa cultura, pero temos que seguir apostando por iniciativas que nos permitan achegarnos a ela dun xeito seguro”, salientou.

A cita de Vigo celébrase ao abeiro do acordo asinado entre o Goberno galego e a Federación de Libreiros de Galicia, a través do que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade colabora con 120.000€ na celebración das 12 citas que compoñen este ano o calendario, catro máis que o ano pasado. Tras Ferrol, Santiago, O Porriño, Ourense e Redondela, o percorrido continuará por Ponteareas, Rianxo, A Coruña, Viveiro, Foz e Monforte de Lemos. Ademais destas citas, o sector literario de Galicia tamén estará nas Feiras Liber, en Madrid, e de Frankfurt, previstas para o vindeiro mes de outubro.

10% de desconto en todos os libros

Esta nova edición estará aberta ata o vindeiro sábado 10 de xullo na rúa Príncipe en horario 11,00 a 14,00 e de 17,00 a 21,00 horas. Ao longo destas xornadas os asistentes poderán gozar dun 10% de desconto en todas as súas compras. Ademais, contarán coa asistencia de máis de 60 autores entre os que se atopan Arantza Portabales, Ledicia Costas, os integrantes do grupo Rompente, Carlos Méixome, Raquel Miragaia, Suso Bahamonde, María Lado, Beatriz Cabaleiro ou David Lorenzo, entre outros.

Así mesmo, haberá un espazo específico para as librarías Nobel Gran Vía, Libros para Soñar, Casa del Libro, Libraría Cortizas, Librouro, A Gata Tola, Libraría Pedreira, a Editorial Planeta, o Centro de Documentación Feminista de Vigo ou a Biblioteca Municipal Neira Vilas.

Imaxes relacionadas