A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, firmou hoxe telematicamente este acordo co alcalde de Catoira, Alberto García

A Xunta asina co concello de Catoira o convenio para minimizar o risco de inundacións nos ríos Ulla e Sar cun investimento de 300.000 €

Mellorarase o espazo fluvial do rego de Gondomil, no cruce coa estrada EP-8702, executando as obras prioritarias nesta área con risco de asolagamento

A Xunta asumirá integramente o financiamento da redacción e da aprobación do proxecto e realizará as actuacións que permitan a licitación, contratación e execución das obras

O Concello comprométese á aprobación do proxecto, a pór a disposición os terreos necesarios, a tramitar as autorizacións e a asumir, posteriormente, as actuacións realizadas

O Goberno galego colabora cos municipios para estar mellor preparados fronte ao risco de inundacións e acadar unha recuperación máis rápida fronte ás súas posibles consecuencias

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinou hoxe telematicamente co alcalde de Catoira, Alberto García, o convenio de colaboración para acometer as actuacións para minimizar o risco de inundacións nos ríos Ulla e Sar, que suporán un investimento autonómico de 300.000 euros.
Trátase de desenvolver o proxecto construtivo para a mellora do espazo fluvial do rego de Gondomil, no cruzamento coa estrada provincial EP-8702, co obxectivo de executar esta obra identificada como prioritaria no Plan específico para a xestión do risco de inundación na área de risco potencial significativo de inundación (ARPSI) nestes ríos.
Augas de Galicia asume integramente o financiamento da contratación da redacción e aprobación do proxecto. As actuacións están cofinanciadas con fondos Feder, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014/2020.
O organismo hidráulico tamén levará a cabo as actuacións que permitan a licitación, a contratación e a execución das obras, así como a súa dirección e xestión ata completar a súa finalización.
O Concello, logo da aprobación do proxecto construtivo, asume a posta a disposición dos terreos necesarios para as obras e á realización das xestións pertinentes para posibilitar a súa execución.
A Administración local tamén terá a obriga de recibir as obras que pola súa natureza sexan susceptibles de tal recepción, e a asumir o seu mantemento e conservación, coa utilización das instalacións executadas de acordo coa finalidade prevista.

Plan de xestión

Augas de Galicia redacta e revisa cada seis anos a avaliación preliminar do risco de inundacións da demarcación hidrográfica Galicia-Costa. Desde o 1 de maio ata o 30 de xullo está aberto á participación pública o novo Plan de xestión de risco de inundacións 2021-2027, que se espera aprobar a finais de ano.
Nestas áreas con maior risco, recóllese a necesidade de redactar un Plan específico de xestión do risco de inundación, no que se traballa a nivel de detalle na propia área para tratar de minimizar os riscos concretos. Deste xeito, trátase de incrementar a calidade ambiental das contornas fluviais e de recuperar a condición dos ríos como hábitats naturais, abordando todas as tipoloxías de medidas que adoptará cada unha das autoridades competentes.
No plan de xestión específico realizado nas áreas dos ríos Ulla e Sar, Augas de Galicia estableceu varias opcións para realizar actuacións que contribúan a minimizar o risco asociado a posibles asolagamentos e considerouse a máis prioritaria no concello de Catoira a mellora deste espazo fluvial do rego de Gondomil, obxecto do convenio autorizado hoxe polo Executivo autonómico.
En conxunto, Augas de Galicia está a desenvolver os plans específicos de xestión en nove zonas fluviais con maior risco de inundacións. Trátase das contornas do río Umia, en Caldas de Reis e Portas; Ulla-Sar, en Padrón, Dodro, Rianxo, Rois, Catoira, Pontecesures e Valga; o Anllóns, en Carballo; Campeda, en Vimianzo; Fontecova e Trasposta, en Viveiro; Baíña e o Groba, en Baiona; así como no Lagares, en Vigo.
O Goberno galego mantén a aposta pola colaboración entre as administracións e axentes implicados para estar mellor preparados fronte ao risco de inundacións e acadar unha recuperación máis rápida e mellor fronte ás súas posibles consecuencias.