A Xunta tramita a inscrición de parte do Monte da Ferrería do concello ourensán de Montederramo no rexistro de masas consolidadas de frondosas autóctonas

Inscribiranse un total de 32,7 hectáreas compostas por bidueiros como especie principal, acompañada de carballo (Quercus robur) e ameneiro (Alnus glutinosa)

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio da Consellería do Medio Rural polo que se somete a información pública este procedemento de inscrición no devandito rexistro

Os interesados en presentar alegacións teñen de prazo dous meses dende o día seguinte á data de publicación

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2021

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o anuncio da Consellería do Medio Rural polo que se somete a información pública o procedemento de inscrición no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas do monte A Ferrería, de titularidade de Álvaro Taboada de Zúñiga, do concello ourensán de Montederramo.
Nesa liña, cómpre sinalar que este monte conta cunha superficie de 806 hectáreas, das que entrarán no Rexistro un total de 32,7 hectáreas, compostas por bidueiros (B. Celtiberica), carballos (Quercus robur) e ameneiros (Alnus glutinosa).
A partir de mañá, do día seguinte ao da publicación do anuncio no DOG, calquera persoa física ou xurídica poderá examinar no Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Medio Rural en Ourense os documentos correspondentes a este expediente de inscrición, podendo presentar as alegacións que estimen oportunas nun prazo de dous meses, que computarán a partir de mañá.
Cabe sinalar que a Consellería do Medio Rural está a tramitar actualmente un total de 35 expedientes de inscrición no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas, que supoñen en conxunto unhas 2.900 hectáreas de terreo. Destes expedientes, 6 corresponden á provincia da Coruña, 9 á de Lugo, 12 á de Ourense e 8 á de Pontevedra.
Ademais, na actualidade xa existen 20 masas inscritas no rexistro: 2 na provincia da Coruña, 8 en Lugo, 4 en Ourense e 6 en Pontevedra, cunha superficie total de máis de 1680 hectáreas.
En Galicia existe, de acordo co 4º Inventario Forestal Nacional, unha superficie de masas de frondosas autóctonas dunhas 415.000 hectáreas, dominadas principalmente polo carballo, cerquiño, castiñeiro e bidueiro, xa sexa en forma de masas dunha soa especie ou en mesturas íntimas de dúas ou máis especies. Estas masas conforman a paisaxe característica de Galicia e teñen un alto interese para a conservación de especies e hábitats, así como unha gran capacidade de xerar recursos de alto valor para a sociedade.
Tendo en conta toda esta riqueza, e en desenvolvemento da Lei de Montes, a Xunta publicou o Decreto que regula o Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas. Nel inscríbense aquelas cunha superficie mínima de monte de 15 hectáreas que poden estar constituídas por tres coutos redondos, sempre que cada unha delas teña un mínimo de 3,75 hectáreas (25% da superficie mínima) e unha idade media de 20 anos.
O rexistro pretende favorecer a xestión forestal activa das masas inscritas, para o que o Decreto que o regula establece unha serie de medidas, como son a prioridade na concesión de axudas públicas, a divulgación dos seus valores e das utilidades directas destas masas de frondosas ou mesmo o fomento do desenvolvemento de vantaxes fiscais para os seus titulares.
Enlace ao anuncio no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210701/AnuncioG0426-140621-0010_gl.html