Política Social sinala que a loita contra a aporofobia debe ser afrontada de forma conxunta por toda a sociedade

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2021

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, asistiu esta mañá ao I Cumio Galego contra o Odio organizado pola entidade EAPN. Esta iniciativa trata de compartir as iniciativas e programas existentes para tratar de evitar situacións de discriminacións ou fomento do odio. Neste sentido, o director xeral sinalou que é importante involucrar a toda a sociedade nesta causa e buscar darlle visibilidade e apoio ás persoas que máis o precisan.

Arturo Parrado remarcou a necesidade de avanzar cara unha sociedade máis solidaria na que as persoas con menos recursos sexan tratadas con respecto. Así mesmo, fixo fincapé en que o Goberno galego procura axudar ás persoas máis vulnerables a realizar o seu proxecto de vida e potenciar o principio de solidariedade entre toda a poboación.