A Xunta inviste 260.000€ na mellora das traídas de augas veciñais e no Plan de abastecemento autónomo de Cerdedo-Cotobade

O delegado territorial, Luis López, informa de que este municipio foi un dos seis seleccionados para a elaboración e implantación do Plan municipal de abastecemento autónomo, ao que se destinarán 150.000€

O representante autonómico visita, xunto ao alcalde, Jorge Cubela, a mellora da rede en Liñeiriños, na parroquia de Viascón, financiada polo Executivo autonómico

A Xunta outorgou no último ano case 110.000 euros a dez comunidades de usuarios de auga de Cerdedo-Cotobade para a modernización dos seus sistemas veciñais de subministración
 

Cerdedo-Cotobade, 30 de xuño de 2021

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e da Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, está a investir 260.000 euros na mellora das traídas de augas veciñais e na redacción do Plan Municipal de Abastecemento Autónomo do Concello de Cerdedo-Cotobade co obxectivo de axudar a garantir a subministración de auga potable en cantidade e calidade á poboación.


Por este motivo, o delegado territorial, Luis López, achegouse ata o municipio para informar de que o concello foi un dos seis municipios seleccionados en toda Galicia para a redacción do proxecto de análise de situación da subministración de auga, para a elaboración e implantación do Plan municipal de abastecemento autónomo, que suporá un investimento da Xunta de arredor de 150.000 euros, tras a proba piloto realizada pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, en Abegondo.


O representante autonómico explicou todos os detalles deste Plan Municipal de Abastecemento Autónomo nunha visita de supervisión ás obras de modernización da rede da comunidade de usuarios de auga de Liñeiriños, na parroquia de Viascón, que foi financiada polo executivo autonómico con 12.000 euros. Estivo acompañado polo alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e representantes do goberno local e da veciñanza.


“O Concello de Cerdedo-Cotobade sempre amosou unha gran preocupación e responsabilidade e está a realizar un gran traballo para o desenvolvemento e mellora do abastecemento de auga, que é unha competencia municipal pero que, neste territorio, está a ser xestionado principalmente por colectivos veciñais e comunidades de usuarios. Por todo iso, a Xunta seleccionou este municipio para a elaboración do plan de abastecemento, que vai comezar a redactarse no mes de xullo e que será fundamental para a planificación destas infraestruturas de subministración”, explicou Luis López.


En concreto, o citado plan, cuxa elaboración se prolongará durante os vindeiros 18 meses coa colaboración entre Augas de Galicia e o Concello, pretende dotar á administración local de información sobre o nivel de garantía de abastecemento de auga potable aos seus 5.500 veciños e artellar a planificación deste servizo.


O obxectivo pasa pola identificación das actuacións prioritarias nos vindeiros anos e polo fortalecemento do modelo autónomo de abastecemento nesta zona, eminentemente rural, co propósito de converter en sustentable un formato baseado nas redes veciñais e o autoconsumo a través de pozos e mananciais.


Axudas aos veciños


Por outra banda, o delegado territorial tamén se interesou polos dez proxectos de mellora das traídas de augas veciñais que veñen de executarse, cun investimento global de 110.000 euros por parte da Xunta de Galicia, nas infraestruturas doutras tantas comunidades de usuarios de Cerdedo-Cotobade.


Así, a través da orde de veciños da Vicepresidencia primeira concedéronse 12.000 euros, respectivamente, aos colectivos Rega do Foxo, Fonte do Can, Liñeiriños, Salgueiros, Igrexario e Frade, mentres que a convocatoria de axudas para traídas veciñais da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade outorgou 7.620 euros a Fonte do Can, 8.484 euros a Os Picóns, 11.480 euros a Pazos-Chan, 6.834 euros a Paraños e 3.257 euros a Trabazo.