Feijóo anima á industria agroalimentaria a seguir apostando pola calidade, a innovación e a internacionalización como claves para afrontar os retos futuros

Destaca que a futura Lei da Calidade Alimentaria potenciará toda a cadea, favorecendo as denominacións de orixe e actualizando o marco de control e sancións para adaptalo ás prácticas desleais e ao comercio en liña

Avanza que Galicia contará tamén coa futura Estratexia do sector da carne, un eido cuxas posibilidades demandan unha planificación sectorial

“En definitiva, Galicia Calidade ten que ser a resposta ás novas demandas”, di, avanzando que nos vindeiros meses porase en marcha unha campaña da man do sector

Felicita aos premiados pola súa aposta pola diversificación e o valor engadido e lembra que o sector aglutina o 5% do PIB da Comunidade, arredor do 6,3% do emprego -70.000 persoas- e o 6,5% das exportacións nacionais agroalimentarias, é dicir, 2.650 millóns de euros
 

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2021

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, animou hoxe á industria agroalimentaria a seguir apostando pola calidade, a innovación e a internacionalización como claves para afrontar os retos futuros.

Durante a entrega dos VII Premios Galicia Alimentación, Feijóo aseverou que, pola súa banda, o Goberno galego seguirá comprometido con este camiño, impulsando medidas estruturais como a Lei de Recuperación da terra agraria -que recolle figuras como os polígonos agroforestais, as aldeas modelo e as agrupacións de xestión conxunta- ou a futura Lei da Calidade Alimentaria, que potenciará toda a cadea, favorecendo as denominacións de orixe e actualizando o marco de control e sancións para adaptalo ás prácticas desleais e ao comercio en liña.

Nesta mesma liña, referiuse tamén á posta en marcha da Estratexia de Dinamización do sector lácteo, co obxectivo de acadar valor engadido no 75% da produción e potenciar a iniciativa Galega 100%; e da Estratexia do Viño, para relanzar o sector e explotar o seu potencial turístico. “E desenvolveremos a futura Estratexia do sector da carne”, engadiu, un eido cuxas posibilidades demandan unha planificación sectorial.

“En definitiva, Galicia Calidade ten que ser a resposta ás novas demandas”, dixo, avanzando que nos vindeiros meses se porá en marcha unha campaña da man do sector, ademais de facer fincapé en que esta aposta implica unha resposta coral de produtores, empresas, consumidores e administracións públicas.

Ao longo da súa intervención, o presidente da Xunta felicitou aos premiados pola súa aposta pola diversificación e o valor engadido: ao Grupo Calvo e o Grupo Pescanova, no eido da innovación; á Asociación de criadores de Raza Porcino Celta (Asoporcel); a 3D Essence Food, por aproveitar os excedentes da produción e convertelos en alimentos de alto valor nutricional; e ao grupo Gadisa Retail e o grupo Leche Río polas súas traxectorias.

Feijóo concluíu recordando que a industria agroalimentaria aglutina o 5% do PIB da Comunidade, arredor do 6,3% do emprego -70.000 persoas- e o 6,5% das exportacións nacionais agroalimentarias, é dicir, 2.650 millóns de euros.
 

Imaxes relacionadas