A Xunta destaca a importancia da innovación no sector da biomasa como panca de impulso da competitividade

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, participou hoxe en Santiago de Compostela na clausura da asemblea do Clúster da Biomasa de Galicia

A Xunta ten aberta ata o 19 de xullo a convocatoria de axudas para a formación na industria forestal dirixida a asociacións representativas do sector, fundacións e colexios profesionais

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2021

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, participou hoxe en Santiago de Compostela no acto de clausura da asemblea do Clúster da Biomasa de Galicia, onde destacou a importancia da entidade, constituída o pasado mes de febreiro, no seu traballo de fomento da innovación no sector. Para a Xunta, tal e como apuntou, dita innovación supón unha liña estratéxica como panca de impulso da competitividade.

Así mesmo, Lema sinalou a importancia da actividade que levan a cabo estas industrias na cadea de valor da madeira e sinalou á economía circular como unha “nova oportunidade” para as empresas que están a valorizar residuos procedentes de explotacións forestais e producións industriais.

O director de Xera quixo tamén poñer a mirada no futuro, indicando que a elaboración dunha nova estratexia de impulso da biomasa constitúe un dos retos que ten por diante o sector. Así mesmo, recordou que a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), foi quen impulsou esta iniciativa co obxectivo de fomentar o uso deste combustible en espazos públicos e privados.

Gañar novos eidos de mercado; valorizar novos residuos en novos produtos ou novos usos; ou a formación dos profesionais e a divulgación das vantaxes da utilización da biomasa como enerxía renovable foron outros dos desafíos que apuntou Ignacio Lema. A este respecto, salientou que aínda segue aberta, ata o 19 de xullo, a convocatoria de axudas da Xunta de Galicia para a formación na industria forestal –cun investimento de 500.000 euros–, dirixida a asociacións representativas do sector, fundacións e colexios profesionais.

Imaxes relacionadas