Anxo M. Lorenzo destaca a contribución do certame Condado de Pallares na investigación da cultura galega

O secretario xeral de Cultura participa na presentación da décimo quinta edición deste premio, apoiado pola Xunta de Galicia

Promove os traballos arredor da lingüística, historia, arte, arqueoloxía, antropoloxía e etnografía no antigo territorio do Condado

Lugo, 30 de xuño de 2021

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación do XV Certame de Investigación Condado de Pallares, do que destacou a súa contribución na investigación da cultura galega. Non en balde, este premio promove os traballos de afondamento nos ámbitos da lingüística, da historia, a arte, a arqueoloxía, a antropoloxía, etnografía e o folclore no antigo dos cinco concellos do antigo Condado de Pallares (Chantada, Guntín, Taboada, Portomarín e Carballedo).

O representante da Xunta de Galicia, que apoia o certame, puxo en valor a calidade dos traballos presentados a este galardón e sinalouno como un dos máis recoñecidos no ámbito dos premios galegos de investigación pola súa utilidade “para coñecer o noso pasado, que nos configuran como pobo”.

Neste sentido destacou o apoio do Goberno galego a este premio, organizado pola Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares, como “unha aposta por preservar e afondar no coñecemento dos valores máis senlleiros da lingua galega e da nosa cultura”.

A el poden concorrer todas as persoas que presenten textos inéditos en lingua galega arredor da devandita temática, cun mínimo de 100 folios e sen extensión máxima. O prazo de presentación estará aberto ata o 30 de setembro. O premio conta cunha dotación económica de 3.000 euros e inclúe a publicación do traballo gañador.

Imaxes relacionadas