A Cidade da Cultura avanza ao seu padroado os eixes dun novo Plan estratéxico marcado pola expansión da actividade

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade adianta que, nas vindeiras semanas, rematarán as obras do Fontán e comezará a instalación das institucións académicas e científicas residentes

O padroado reafirma a misión do Gaiás de operar como unha factoría de contidos que produza propostas culturais por centros de toda Galicia

O máximo órgano de goberno da Cidade da Cultura valorou que o Gaiás fose elixido mellor proposta cultural de Galicia no 2020 por parte da Fundación Contemporánea

A Xunta aposta, como fitos centrais do Gaiás para o período 2021-2027, pola dixitalización e a proxección no exterior da cultura galega
 

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez González, presidiu esta mañá unha reunión do padroado da Fundación Cidade da Cultura de Galicia. Nela avanzáronse as liñas centrais do que será o II Plan Estratéxico Gaiás 2021-2027, a folla de ruta que se está a elaborar e que marcará a dirección do Gaiás entre 2021 e 2027, nun período que estará marcado pola expansión da súa actividade.

Román Rodríguez adiantou ao padroado que, pese a todas as dificultades derivadas das restricións da pandemia, o edificio Fontán está executado nun 95% e que as obras estarán rematadas proximamente, iniciándose agora o proceso de traslado das institucións académicas e científicas que acollerá esta nova infraestrutura. ”Estamos a piques de rematar un equipamento que a Xunta de Galicia, en colaboración coas tres universidades galegas e co CSIC, pon ao servizo da investigación universitaria e dos estudos do patrimonio”, asegurou.

Co remate deste proxecto, precisamente nun momento no que a Cidade da Cultura conmemora os dez anos desde a súa apertura ao público, o conselleiro explicou que se pecha unha fase construtiva e que se inicia un tempo novo marcado pola intensificación da actividade e polo protagonismo dos contidos nun momento no que se require o máximo compromiso coa reactivación da actividade no sector cultural

Factoría de contidos para Galicia

Neste senso, o titular de Cultura do Goberno galego apuntou que un dos principais obxectivos será transformar o Gaiás nunha produtora que exporte contidos culturais (exposicións, pezas escénicas, etc.) a centros de toda Galicia e tamén de fóra da comunidade, operando como unha plataforma para darlle visibilidade internacional á cultura galega. Así, subliñou a importancia de acadar alianzas estratéxicas con institucións culturais de referencia no panorama internacional e citou como exemplo a exposición Faraón. Rei de Exipto con fondos do Museo Británico.

Entre as novidades desta nova fase, Román Rodríguez destacou a súa determinación de converter a Cidade da Cultura nunha das principais ferramentas do Goberno galego para impulsar a creación en Galicia, anunciando medidas como programa de residencias artísticas que leva ao Gaiás a creadores a desenvolver as súas propostas.

O conselleiro puxo en valor as actuacións innovadoras levadas a cabo durante o ano 2020 incorporando as novas tecnoloxías para manter a actividade cultural pese a situación extraordinaria de medidas sanitarias, iniciativas creativas en moitos casos pioneiras en Galicia e que levaron ao Gaiás a obter o recoñecemento do Observatorio da Cultura da Fundación Contemporánea ao situalo como a mellor proposta cultural de Galicia en 2020.

Impacto na sociedade

De xeito tamén novidoso, o responsable de Cultura da Xunta de Galicia informou ao padroado da posta en marcha do primeiro informe de Contabilidade Social, en colaboración cun equipo de expertos da Universidade de Deusto, co ánimo de medir o impacto integral do Gaiás na sociedade e que concluíu que actividade desenvolvida pola Cidade da Cultura ten un impacto cifrado en 24 millóns de euros.

No contexto e celebración do Xacobeo 21-22, o conselleiro lembrou que o Gaiás está a funcionar como un dos promotores das actividades do programa cultural deste evento, con propostas como a exposición Galicia futura, que se inaugurará o vindeiro 14 de xullo e que pecha a triloxía de grandes exposicións desenvolvidas pola Xunta xunto a Galicia, un relato no mundo e Galicia, e Nós a nós.
 

Imaxes relacionadas