A Xunta destaca a colaboración entre os axentes como unha das fortalezas do sistema galego de innovación

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, clausurou esta tarde o acto de entrega dos Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia, o Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas e o Premio RAGC de Divulgación Científica, organizados pola Real Academia Galega de Ciencias co apoio da Xunta

Destacou o importante papel da comunicación da ciencia nun contexto como o da pandemia e apuntou a necesidade de seguir apoiando a transferencia de tecnoloxía dos centros de coñecemento ao tecido produtivo e aumentar o investimento privado en I+D+i, para acadar unha Galicia máis innovadora

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2021

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, clausurou esta tarde a entrega dos Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia, o Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas e o Premio RAGC de Divulgación Científica, onde destacou a capacidade do sistema galego de innovación para responder desde o primeiro momento aos retos e desafíos derivados da pandemia e puxo en valor a colaboración entre os axentes do sistema para innovar, un factor identificado como unha das fortalezas do ecosistema galego de innovación.

Así mesmo, asegurou que a covid-19 evidenciou tamén a importancia da investigación para facer fronte á crise sanitaria e sinalou como esta contribuíu a sensibilizar á sociedade cara á ciencia e a loitar contra a desinformación. Argerey quixo dar os seus parabéns a Alberto Quián, gañador do Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas 2021 pola súa reportaxe sobre a conexión dunha investigación galega da Covid e a triloxía El señor de los anillos, publicada no diario dixital El salto; e tamén a Manuel Cruz, que recibiu un accésit por unha peza sobre a praga da rata toupa emitida no programa Labranza da Televisión de Galicia.

No acto, a directora de Gain apuntou ademais á necesidade de seguir apoiando a transferencia de tecnoloxía desde os centros de coñecemento ás empresas, a través de iniciativas como estes premios ou o programa Ignicia da Xunta de Galicia, para aumentar o investimento privado en I+D+i e conseguir unha Galicia máis innovadora.

Neste sentido, Argerey felicitou aos proxectos e empresas galardoadas cos Premios de Transferencia de Tecnoloxía de Galicia, como o galardón Francisco Guitián Ojea a un traballo de investigación aplicada que foi para o desenvolvemento dunha vacina para acuicultura de investigadores das universidades de Santiago de Compostela e A Coruña. Pola súa banda, o premio Fernando Calvet Prats a un caso de éxito de transferencia de tecnoloxía dun grupo de investigación foi para o proxecto Biofast da Universidade de Vigo e o premio Ricardo Bescansa Martínez a un caso de éxito de implantación de tecnoloxía transferida foi para a posta en marcha da spin-off Alice Biometrics.

Patricia Argerey pechou o acto ensalzando o importante labor desempeñado por Ramón Núñez Centella, recoñecido co Premio á divulgación científica da RAGC, como promotor e director dos Museos Científicos Coruñeses e impulsor da nova museoloxía científica en España.