A Xunta anima as empresas do sector dos áridos a apostar por tecnoloxías innovadoras que axuden á súa modernización e sustentabilidade

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, visitou hoxe en Melide as canteiras de Richinol e Arribeltz

Destaca a contribución da Asociación Galega de Áridos (Arigal) no desenvolvemento da Estratexia Galega de Minería Sustentable que promove o Goberno galego para lograr un desenvolvemento económico, social e ambiental máis eficiente
 

Melide (A Coruña), 29 de xuño de 2021

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, visitou hoxe en Melide as canteiras de Richinol e Arribeltz, ambas as dúas beneficiarias das axudas da Xunta para a loita contra as enfermidades profesionais, en especial as derivadas da exposición ao po e ao ruído, mediante a aplicación de tecnoloxías innovadoras e técnicas que poden mellorar a calidade do ambiente atmosférico, por exemplo.

Ditos incentivos, impulsados desde a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, contan este ano cun investimento de 1M€ e neste momento están en fase de resolución. A convocatoria do pasado ano, facilitou apoios a un total de dez empresas do sector dos áridos que, ademais, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), poden beneficiarse tamén das axudas para actuacións de eficiencia enerxética ou para proxectos de aforro ou de enerxía fotovoltaica.

No caso da canteira Richinol, ser beneficiaria desta liña de axudas permitiulle a instalación dun sistema de control de po baseado na atomización de auga con aire. E a Arribeltz, substituír os actuais equipamentos de climatización das cabinas de control do proceso de transformación de áridos por outros de última xeración.

Durante o percorrido polas canteiras, Uría estivo acompañada por representantes da Asociación Galega de Áridos (Arigal), aos que agradeceu o importante traballo que están a levar a cabo na defensa dos intereses colectivos das empresas que se dedican á actividade de transformación industrial, fabricación e comercialización de áridos.
Neste sentido, quixo tamén destacar a participación da entidade no desenvolvemento da Estratexia Galega de Minería Sustentable, unha iniciativa que promove a Xunta de Galicia para orientar a actividade dos próximos anos cara un desenvolvemento económico, social e ambiental máis eficiente e racional.

A Xunta defende que un dos principias retos para o sector é camiñar pola senda da modernización tecnolóxica e a innovación, así como da economía circular. Neste sentido, a introdución de instalacións innovadoras permite a mellora na calidade dos produtos e unha redución dos custos de produción.