A Xunta mantén o compromiso coa mostra de teatro de Ribadavia na recuperación da súa dimensión internacional

Apoia economicamente a 37ª edición, que do 16 ao 25 de xullo ofrecerá os espectáculos dunha vintena de compañías, como as do belga Jan Laurwers e o grego Christos Papadopoulos

O Centro Dramático Galego estará no escenario do Castelo o día 20 con Terceiro acto, ademais de colaborar no obradoiro que organiza a asociación DramaturGA
 

Ribadavia (Ourense), 29 de xuño de 2021

A Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia regresa á súa cita anual co público para celebrar do 16 ao 25 de xullo unha 37ª edición na que recupera a súa dimensión internacional. A Xunta de Galicia apoia economicamente o encontro, mantendo o seu compromiso co festival a través do convenio que se subscribe cada ano co Concello de Ribadavia.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación do amplo programa de actividades que, baixo o lema A arte marca a diferenza, inclúe as representacións dunha vintena de formacións de teatro e de danza, entre as que se atopa o Centro Dramático Galego (CDG). A compañía institucional ofrecerá o día 20 no Auditorio Rubén García do Castelo unha función do seu espectáculo Terceiro acto, á que lle seguirá un coloquio cos espectadores.

En palabras do responsable de Industrias Culturais da Xunta, trátase dunha montaxe que expresa escenicamente a “complicidade co que se podería chamar espírito de Ribadavia, tanto pola xeración á que pertence o seu elenco, como pola súa homenaxe implícita a toda a traxectoria do teatro profesional galego”.

A colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Universidade esténdese tamén ao desenvolvemento do obradoiro de apoio DraMITurga, que conta coa implicación do CDG xunto á asociación DramaturGA e ao Instituto Camões de Portugal, así como á estadía artística e actuación en Ribadavia de Adriana Reyes cun dos proxectos seleccionados para Residencias Paraíso, programa de danza e artes vivas promovido polo Colectivo RPM e a Agadic.

Referentes da escena europea

Tras unha edición marcada pola pandemia, na que a MIT conseguiu manter o seu encontro co público cunha programación eminentemente galega, desta volta regresan ao cartel destacados representantes da escena contemporánea española e europea. É o caso de Needcompany, compañía do belga Jan Lauwers, que protagoniza a xornada inaugural coa estrea do espectáculo Billy’s Violence, e Lion & The Wolf, do aclamado bailarín e coreógrafo grego Christos Papadopulos, que presentará o día 23 Elvedon, unha das súas primeiras pezas.

Na carteleira desta 37ª edición figuran, así mesmo, coñecidas formacións da escena estatal, como Zum Zum Teatre (Comunidade Valenciana), Teatro del Barrio (Madrid), Compañía Señor Serrano e Cía. Manolo Alcántara (Cataluña), Atalaya (Andalucía) ou o Centro Dramático Nacional, xunto ás galegas Aporía Escénica, Voadora, Caxoto Contacontos, Redrum Teatro, Larraitz, Javier Martín, Sarabela Teatro, Traspediante e Pistacatro.

A MIT desenvolverase en numerosos lugares de Ribadavia, a meirande parte deles ao aire libre, coa incorporación de espazos singulares, como A Franqueirán e as súas vistas ao val do Avia. A Casa da Cultura, o Castelo, a igrexa da Madalena e a Alameda completan o conxunto de emprazamentos nos que se exhibiran espectáculos de moi diferentes xéneros e para todo tipo de públicos.
 

Imaxes relacionadas