A Xunta achega queixos e viños acreditados co selo de Galicia calidade aos comerciantes e restauradores da praza de abastos de Santiago de Compostela

Ao redor dunha vintena de profesionais asistiron ás catas protagonizadas polo divulgador de viños Luis Paadín e a catadora de queixos Salomé Beiroa

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2021

As praceiras e praceiros, comerciantes e hostaleiros da praza de abastos de Santiago de Compostela participaron esta mañá en catas de viños e queixos avalados co selo de Galicia Calidade. O divulgador de viños, Luis Paadín, foi o encargado de poñer en práctica a cata que denominou Os viños de Galicia Calidade: Unha paisaxe en cada botella, mentres que a catadora Salomé Beiroa explicou a experiencia sensorial e divulgativa dos queixos.

As catas tiveron lugar na aula de cociña do mercado de abastos de Santiago e entre o público participante acudiron comerciantes da praza, restauradores da zona, bloggers e xornalistas especializados en gastronomía.

Así, na cata de viños, Luís Padín explicou as virtudes e características do espumoso da denominación de orixe (DO) Rías Baixas, Valtea Cuvée Especial Brut Nature; de Paco y Lola Vintage, tamén da DO Rías Baixas; de Amadeus (Viña Costeira), da DO Ribeiro; de A Coroa Lías, da DO Valdeorras; de Regina Viarum Ecológico, da DO Ribeira Sacra, e da Quinta do Buble Mencía, da DO Monterrei.

Pola súa banda, Salomé Beiroa abordou as propiedades do queixo de tetilla Daniberto, do de Arzúa de Pazo de Anzuxao; do de San Simón de Casleiras, e do queixo do Cebreiro de Santo André.

Expertos

Luís L. Paadín é catador, profesor de Análise Sensorial e Servizo así como Técnico de Viticultura e Enoloxía (Universidade de Vigo). É tamén formador homologado de Viños de Xerez, formador en Cava e educador oficial da Rioxa.

Pola súa banda, Salomé Beiroa conta con máis de vinte anos de experiencia na cata dos catro queixos galegos con Denominación de Orixe Protexida, e propón unha achega ao mundo destes produtos lácteos tan presentes nas mesas galegas ao tempo que descoñecemos moitos datos interesantes para o seu consumo e conservación.
 

Imaxes relacionadas