Feijóo aborda co alcalde do Grove proxectos prioritarios como o centro de saúde e o PXOM

Vigo, 29 de xuño de 2021

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, trasladou hoxe ao alcalde do Grove, José Antonio Cacabelos Rico, a previsión de considerar como prioritario o novo centro de saúde da localidade, que está pendente da cesión da parcela por parte do concello. Estas novas instalacións enmarcaríanse no Plan de Infraestruturas Sanitarias que está a elaborar o Goberno galego.

Durante unha xuntanza celebrada na Delegación Territorial da Xunta en Vigo, Feijóo e Cacabelos abordaron outras cuestións de interese para o concello, como a tramitación do novo PXOM, que está a piques de ser aprobado e para o que a localidade recibiu axudas da Xunta.

Outros dos asuntos que centraron o encontro foron os relacionados co abastecemento. Así, en canto á necesidade de actuar na tubaxe de abastecemento xeral da auga, o presidente mostrou a disposición da Administración autonómica a cofinanciar unha parte dos traballos no marco dun acordo no que participe tamén a Deputación provincial. Cómpre recordar que o abastecemento é xestionado pola propia Mancomunidade, que se ocupa tamén da recadación dos usuarios.

No eido das infraestruturas viarias, o titular do Goberno galego avanzou a intención da Xunta de executar o vindeiro ano o reforzo de firme no treito A Lanzada - O Grove na PO-316.

Nesta liña, tras salientar as melloras efectuadas no pavimento da AG-41, que contaron cun investimento de máis de 5 millóns de euros e que supuxeron unha diminución significativa da sinistralidade, Feijóo anunciou que a execución dun novo carril cara á glorieta da PO-504 en Sanxenxo comezará no vindeiro mes de setembro para evitar a afección ao tráfico nos meses de verán.

Ademais, tamén sinalou que a Xunta segue a analizar alternativas ao desdobramento da VAP Sanxenxo (AG-41) – A Lanzada (PO-550).

 

Imaxes relacionadas

Departamento:
A Presidencia da Xunta