Política Social subliña o labor imprescindible dos centros de protección na creación de recursos para que os menores aprendan a convivir e desenvolverse integramente

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, visitou está mañá as instalacións de Vigo

A Xunta de Galicia destina nos orzamentos 480.000 euros para o mantemento deste centro de menores
 

Vigo, 29 de xuño de 2021

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, visitou hoxe o Centro público de Protección de Menores O Seixo, xestionado pola Fundación Aldaba, onde puxo en valor o enorme esforzo e labor dos traballadores do sistema de protección autonómico durante este ano de pandemia. Jacobo Rey salientou o imprescindible traballo que se desenvolve diariamente neste tipo de centros, que serven para formar á futura sociedade e que lles ofrecen unha protección á mocidade que máis o precisa. Ademais, fixo fincapé na necesidade de ofrecer estes recursos para aprender a convivir e a desenvolverse integramente mentres se resolve a súa situación familiar ou se ofrece unha alternativa.

O centro de menores O Seixo, para cuxo mantemento a Xunta de Galicia destina anualmente 480.000 euros, leva a cabo iniciativas de apoio á familia, atención residencial para 15 menores e 5 prazas máis para as actividades que se realizan durante o día, así como se ofrece apoio no desenvolvemento de habilidades e responsabilidades sociais ou a potenciación do mantemento dos vínculos existentes entre nenos e nenas adolescentes e as súas familias.

A Fundación Aldaba recibiu a través da liña de axudas do 0,7 do IRPF máis de 91.000 euros para a posta en marcha de distintas iniciativas, como o Programa Vínculo, ao que se lle achegaron 16.000 euros ou o Programa Seixo 3.0, ao que o Goberno galego destinou 25.000 euros. Ambas iniciativas buscan protexer os dereitos da infancia a través da atención educativa e sociofamiliar nos servizos residenciais de protección.