O novo auditorio de Marín cofinanciado pola Xunta e o concello será o punto de encontro entre a vangarda e o arquivo histórico-cultural do municipio

O orzamento de execución deste equipamento municipal fíxase nos 4 millóns de euros, investidos ao 50% polas dúas partes

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, destaca a importancia da colaboración entre a Administración autonómica e a local para levar a cabo actuacións que redunden no benestar da veciñanza

A conselleira de Medio Ambiente e a alcaldesa asinaron o convenio de colaboración que permite a execución das obras e a materialización deste inmoble que será o referente cultural do concello
 

Marín (Pontevedra), 29 de xuño de 2021

O novo auditorio de Marín será o punto de encontro entre a vangarda, as manifestacións culturais dos vindeiros anos e o legado histórico-cultural do concello. Así o puxeron de manifesto o vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, e a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante a sinatura do convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Concello de Marín, representado pola alcaldesa, María Ramallo.
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, destacou a importancia da colaboración entre o Goberno galego e os concellos, que son os mellores coñecedores das necesidades da veciñanza e, por tanto, de onde poden ter máis impacto e beneficiar á cidadanía os proxectos comúns entre ambas Administracións. Así, incidiu en que Marín é un exemplo de cooperación entre administracións con actuacións cofinanciadas pola Xunta, tanto grandes investimentos coma esta infraestrutura cultural como outras que, aínda sendo de menor contía, redundan directamente no benestar da cidadanía. De feito, resaltou que “é un día importante para Galicia e Pontevedra” e “a coordinación entre dúas administracións que están a facer un esforzo importante que valerá a pena cun resultado para desfrutar todos os veciños”.
Pola súa parte, Ángeles Vázquez subliñou que este edificio será “buque insignia”, o referente cultural no concello para as vindeiras décadas, no que converxerán os movementos e manifestacións culturais, sendo un polo de dinamización do municipio, con capacidade para atraer e no que programar actividades e espectáculos que na actualidade non poden ser realidade por carecer dunha infraestrutura que reúna ditas condicións.

"Hoxe é un día importante para Marín, para que poidamos gozar de toda a cultura, o ocio e a dinamización, dotando á nosa vila dunha infraestrutura cultural equipada e chea de posibilidades", subliñou, pola súa banda, a alcaldesa do municipio, María Ramallo.

A Consellería de Medio Ambiente cofinanciará a construción desta nova infraestrutura cultural, para o que reserva 2 millóns de euros, achegando un 50 % do investimento necesario para a materialización deste proxecto, cuxo orzamento total é de 4 millóns de euros. A conselleira recordou que o convenio de colaboración “marca obxectivos e datas cos que avaliar aos promotores ata o ano 2024, data na que o auditorio deberá estar a disposición dos veciños”.

Todos os presentes destacaron que esta colaboración tamén permite mellorar a oferta de equipamentos sociais e culturais no núcleo urbano, con déficit deste tipo de dotacións, ao tempo que se fomenta a rexeneración económica, social e ambiental das inmediacións da única zona industrial de Marín, o porto.

Cómpre lembrar que Marín conta cunha estratexia de desenvolvemento sustentable e integrado (Edusi) en que se recolle a construción dun equipamento sociocultural que na actualidade non existe, polo que coa súa construción se dá resposta a unha vella demanda. O edificio terá unha superficie total construída de 2.700 m2 e ubicarase nunha parcela entre o recinto portuario e a Escola Naval.

Tal e como destacou a conselleira, coa sinatura do convenio, Marín está cada vez máis preto de dispor dun espazo moderno e acondicionado para fomentar a reunión e a participación de toda a cidadanía. Unha vez máis, trasladou o apoio da Xunta de Galicia para avanzar na tramitación oportuna e necesaria que permita ao Concello licitar as obras canto antes.
 

Imaxes relacionadas