A Xunta convoca a súa liña de financiamento para apoiar ás pemes dos sectores máis afectados pola pandemia

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, asistiu hoxe á xunta territorial de Ibermutua, onde puxo de manifesto o papel deste sector á hora de dar cobertura ás continxencias profesionais dos traballadores durante a pandemia

Pemes e autónomos poderán solicitar a partir de mañá préstamos de ata un millón de euros con bonificacións de intereses que alcancen o 1,5% e co reaval a longo prazo

Conde asegura que o binomio dixitalización-sustentabilidade e a colaboración público-privada é clave na candidatura galega aos fondos Next Generation, e solicita planificación e axilidade ao Goberno central para comezar a investir canto antes estes investimentos europeos

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, recordou hoxe en Santiago de Compostela que mañá mesmo abrirase a convocatoria para solicitar as bonificacións de tipos de interese nos préstamos concedidos polas entidades financeiras a través da liña de avais da Xunta para os sectores máis afectados pola pandemia.

Tal e como se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), as pemes e autónomos poderán acceder a préstamos de ata un millón de euros con bonificacións de intereses que alcancen o 1,5% e co reaval a longo prazo a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).

Conde referiuse a esta liña de axudas, ás que o Goberno galego destina 6,7M€, durante a súa intervención na xunta territorial de Ibermutua –a cal dá cobertura a máis de 34.000 empresas e 200.000 traballadores galegos–, onde quixo destacar o papel desenvolvido desde o inicio da pandemia por esta e outras entidades do sector e á hora de dar cobertura ás continxencias profesionais dos traballadores, contribuíndo así ao benestar de moitas familias. Para o vicepresidente económico, estas empresas seguirán tendo un papel fundamental na época poscovid e no contexto de transformación tecnolóxica, axudando así á reactivación da nosa economía.

Neste sentido, a Xunta quere dar un papel protagonista a pemes e autónomos, tal e como apuntou Conde, ao mesmo tempo que asegurou que a dixitalización e sustentabilidade deberán ser obxectivos asumidos polo conxunto do tecido produtivo nese camiño cara a recuperación. Un camiño no que resultarán fundamentais os fondos europeos Next Generation, nos que Galicia centra a súa estratexia no binomio dixitalización-sustentabilidade e a colaboración público-privada para implicar ao conxunto do noso tecido económico que son as pemes.

A través do 355 proxectos que presentou a comunidade, os cales poderían alcanzar un investimento que ronda os 20.000M€, a Xunta pretende xerar proxectos competitivos que aproveiten as características específicas de Galicia, dando un gran protagonismo ás materias primas; propostas que respondan aos principios da economía circular e descarbonización; así como iniciativas que permitirán promover a cohesión social e o impulso das zonas rurais, xerando emprego sostible e de calidade.

A iniciativa privada é, polo tanto, fundamental para a Xunta á hora de identificar oportunidades no marco destes fondos, apuntou o vicepresidente económico, ao mesmo tempo que recordou que as comunidades autónomas son as que teñen as competencias en materia de promoción económica e industrial, emprego e sanidade. Así, defendeu que, ao igual que participaron no máis duro da xestión da pandemia, tamén queren participar agora na reconstrución económica.

Por iso instou ao Goberno central a establecer un escenario de financiación de proxectos claro e equitativo entre territorios, actuando desde a planificación e a axilidade para que as comunidades poidan comezar a investir os fondos e non perder o ano 2021.

Imaxes relacionadas