A Xunta e o concello de Vedra colaboran na mellora da eficiencia enerxética do campo de fútbol municipal

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe as instalacións, que xa contan cunha nova iluminación con proxectores de tecnoloxía LED

Vedra (A Coruña), 29 de xuño de 2021

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe o concello de Vedra, para comprobar as actuacións levadas a cabo para mellorar a eficiencia enerxética da iluminación do campo de fútbol municipal. O Goberno galego apoiou este proxecto cuns 25.000 euros ao abeiro da Orde de Infraestruturas de uso público.

A Xunta e o concello de Vedra colaboran na reforma do alumeado desta instalación deportiva mediante a substitución dos proxectores por outros de tecnoloxía LED máis eficientes co obxectivo de diminuír o consumo eléctrico e as emisións de dióxido de carbono á atmosfera, ao mesmo tempo que se consegue un importante aforro económico para o municipio.

Durante a súa visita, Natalia Prieto, destacou a importancia da colaboración entre a Administración autonómica e a local, xa que os concellos galegos levan a cabo actuacións que repercuten en melloras directas para o día a día dos cidadáns. Ademais, son a administración máis próxima á cidadanía e, por tanto, a que mellor coñece as necesidades dos seus veciños.

O concello de Vedra recibiu nos últimos anos máis de 445.700 euros das distintas liñas de axudas da Vicepresidencia Primeira, entre elas a Orde de Infraestruturas de uso público que permite poñer en marcha ou ampliar e reformar instalacións destinadas á prestación de servizos municipais, así como a dotación do seu equipamento. Na convocatoria deste ano a Xunta mantén o orzamento de 4 millóns de euros desta orde dirixida aos municipios galegos, despois de incrementar a contía en 2020 nun millón de euros respecto a 2019.

 

Imaxes relacionadas